Arredor da bandeira azul e branca

rredor da bandeira azul e branca, arredor da bandeira de Galiza, cantemos o dereito á libre nova vida; iso si, co “corazón aberto a toda man amiga, e nunha man a fouce e noutra man a oliva”. En pé, serenos, envoltos na brancura da luz que cae de arriba. Verbas de mobilización escritas por Ramón Cabanillas, poema “En pé!” incluído na súa obra “Da terra asoballada”, que conformaron, e aínda fundamentan, un himno de fervor colectivo para toda a xente involucrada na causa común deste noso país atlántico. Un libro fundamental na obra do autor cambadés que viu a luz ao saír do prelo, en 1917 na imprenta Galicia Nueva de Vilagarcía, aínda que ten moito de xénese como unha das seccións de Vento Mareiro aparecido dous anos antes en territorio cubano, na diáspora galega do alén mar. Unha segunda edición, nove anos máis tarde, daría forma definitiva á obra de compromiso militante no galeguismo recuperador dos sinais históricos da identidade nacional. Nesta última, á da Editorial Lar, desaparecen poemas da publicación vilagarciá e inclúense outros novos, porén “En pé!” mantén o vaso comunicante entre ámbalas dúas, forxando a súa esencia.
É así polo que a bandeira que agora ondea ao vento nas balconadas dos edificios administrativos galegos, “bandeira institucional” con escudo regulada na Lei 5/1984 da Xunta de Galicia na que se abordan os símbolos oficiais da comunidade e o seu uso protocolario, ten un fondo histórico de reivindicación, iniciativa certeira dos precursores e moita teima fronte á oposición coa que foi xurdindo a finais do século XIX, impulsada polos galeguistas do Rexurdimento e consolidada posteriormente pola Xeración Nós como insignia nacional galega. Noticias da iniciativa foron publicadas nos meses do verán de 1898, entre outros medios por varios pontevedreses, nos que cunha ilustración indicativa en formato de debuxo, se contaba que “a bandeira galega ten dúas cores, branca e azul. O fondo é branco, e dende o ángulo superior esquerdo até o inferior dereito, atravesando o centro, unha franxa de cor azul que deberá ter de ancho a terceira parte do alto total da bandeira”. Incluía unha nota aclaratoria ao respecto de facultar, do mesmo xeito que sucede con outras insignias semellantes, poder colocarse o escudo no seu centro. Para o caso, ese símbolo que foi evolucionando co tempo, composto polo cáliz aberto rodeado de cruces.
Non tardou e facerse pública a súa presenza. Apenas tres anos máis tarde acompañou o cadaleito de Rosalía de Castro, no seu solemne traslado desde Iria Flavia ao mausoleo da igrexa de San Domingos de Bonaval en Compostela. A comezos do pasado século xa era popular noutros aspectos da vida cotiá, caso do buque de recreo Wolverine, dotado de tódalas comodidades, que navegando baixo a bandeira galega potenciou o turismo de pasaxeiros nas Rías Baixas, fondeando en varios peiraos, incluído o de Vilagarcía.

Arredor da bandeira azul e branca

Te puede interesar