Lúas de Outono

anuel María, o poeta nacional galego, en setembro de 1969, envía unha boa nova en forma de carta a Xosé Neira Vilas, residente en Cuba dende facía oito anos atrás, na que lle contaba: “No ano 1967, o día 9 de maio, no estadio da Residencia de Estudantes de Santiago de Compostela, Raimon deu, na súa lingua, un recital das súas propias cancións que tivo un éxito clamoroso. Este recital foi o que fixo comprender a tódolos que a el asistimos a necesidade imperiosa de crear unha nova canción en galego. Unha canción feita no noso idioma, con problemas de hoxe, á altura do noso tempo e con música e sensibilidade dos nosos días”. 
Velaí, detrás da reflexión que expresaba o autor nacido corenta anos atrás en Outeiro de Rei, agochábase, na súa modestia, o determinante papel que el persoalmente desempeñou na xénese do histórico movemento da Nova Canción Galega, formalmente nacido no mítico concerto celebrado o un de decembro de 1968, no Teatro Capitol de Santiago de Compostela, coa participación dun variado grupo de cantautores comprometidos na causa da loita polos dereitos e liberdades democráticas e de país, presentado e conducido precisamente polo poeta chairego. 
Máis aínda, Manuel María foi o autor de varios dos poemas musicados por aquela xeración de mozos formada por Benedicto, Xavier, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso, Vicente Araguas e Miro Casabella que se presentaban no cartel do concerto baixo o rótulo común de Voces Ceibes, nome afortunado que bautizaría ao conxunto e ficaría na memoria popular até o día de hoxe. Da man do intelectual galeguista resultou tamén decisivo o feito de divulgar, en multitude de discos individuais, a este grupo de autores musicais a través do selo Edigsa-Xistral participado por el.
Por iso, baixo o título de Lúas de Outono, homenaxe a Manuel María que dende fai once anos vén celebrándose no Teatro Rosalía de Castro, na cidade da Coruña, ámbito no que residiu os últimos anos da súa vida, aproveitando o cincuenta aniversario daquel concerto de presentación pública da Nova Canción Galega, “vai facerse un acto de recoñecemento aos cantautores e cantautoras galegas, parte fundamental da cultura do noso e tamén, figuras privilexiadas na difusión da nosa poesía”; dentro dun espectáculo guiado por Xurxo Souto con artista de varias xeracións históricas. 
Lembranza necesaria dun tempo no que o autor de “Muiñeiro de brétema” contaba ver, na mensaxe epistolar enviada ao de “Memorias dun neno labrego”, que a Universidade Galega “deu mostras dunhas inquedanzas e dun inconformismo non habitual entre nós”, fenómeno que levaron aos estudantes “a ollara cara aos problemas galegos, a sentirse solidarios con eles e a interesarse polo idioma propio usado só polas clases populares e por uns cantos intelectuais máis o menos galeguistas”. E nestas circunstancias naceu a Nova Canción Galega. Voces ceibes e rebeldes. 

Lúas de Outono

Te puede interesar