jueves 20.02.2020

O idioma dos negocios

Para alén da metáfora implícita no título a respecto de boas prácticas, principios éticos e responsabilidade social corporativa das empresas, tratar do idioma nos negocios é falar da maneira como estes abordan o uso da lingua galega.

Para alén da metáfora implícita no título a respecto de boas prácticas, principios éticos e responsabilidade social corporativa das empresas, tratar do idioma nos negocios é falar da maneira como estes abordan o uso da lingua galega na súa dinámica comercial. Sen dúbida algunha, o universo socioeconómico é un ámbito fundamental na misión de estender o noso idioma á conquista da súa normalización satisfactoria. Porén, moito é o camiño que fica por andar.
Certo é que se ten iniciada unha vía simbólica na etiquetaxe de boa parte de produtos do sector agroalimentario galego, sobranceira polo número de adegas adheridas que saben da singularidade de marca que o idioma propio engade á identificación do territorio de procedencia nun mercado globalizado que busca excelencia e personalidade diferencial. Un valor intanxíbel que tamén aprecian, á hora de marcar distintivo de calidade e orixe, pequenos negocios de artesanía e diferentes industrias de elaboración e transformación. Mesmo algunha das grandes referencias na distribución comercial teñen dado pasos decididos na dirección de asociar o idioma propio do país a súa marca, política de comunicación, publicidade e relacións públicas.
Aínda con iso, o mundo dos negocios no territorio galego representa unha clara anomalía á hora de mostrar interese, respecto e integración da lingua galega na súa práctica cotiá. Nunha comunidade humana na que practicamente todas as persoas entenden o idioma propio é incomprensíbel que boa parte do tecido empresarial nin sequera respecte a única forma toponímica das entidades de poboación. Moito menos, o dereito cidadá a recibir atención en galego, incluída a ofertada de forma escrita ou a de formularios e contratos. Grave desprezo é o caso da discriminación de grandes corporacións que inclúen, no seu campo de relación coa clientela, atención na lingua doutras comunidades do Estado e non na nosa. 
Para que economía e lingua camiñen collidos da man, non chega coas amábeis campañas que buscan acadar mil festas máis para a lingua galega; “en galego, consumo gusto” á hora de potenciar a compra de produtos de calidade etiquetados na nosa lingua; “en galego de principio a fin” para facilitar a súa extensión aos procesos funerarios ou a pensada para garantir a galeguización da telefonía móbil; entre outras moitas merecedoras de parabéns e recoñecemento.
Á par da responsabilidade que teñen as institucións públicas na sensibilización, pedagoxía na contratación de servizos e promoción de uso do galego na actuación empresarial; é hora de facer valer o gran poder de consumidores e usuarios, a forza do idioma que si entenden nos negocios.

O idioma dos negocios
Comentarios