Relato imprescindible da represión

hega ás salas de cine da localidade a película “Reboiras. Acción e corazón”, en forma de documental que recrea escenas do pasado con actores que faciliten a mellor comprensión do guión audiovisual e, moito máis importante se cabe, a participación de preto a trinta persoas que compartiron proxectos, inquedanzas, iniciativas e vida con Moncho Reboiras, morto por acción da policía franquista fai corenta e cinco anos xa, nas rúas de Ferrol, nunha operación de represión calculada para aniquilar ás persoas máis dinámicas dos movementos cidadás de oposición á ditadura; e neste caso persoal concreto, de construción dunha base social organizada arredor das necesidades culturais, sindicais e globalmente políticas a favor dos dereitos e liberdades galegas e das carencias e desamparo nas que se atopaban as súas xentes máis castigadas polas penurias e privacións, fose no ámbito obreiro das cidades emerxentes ou no mundo rural. En todos eses frontes, a no da cultura, Reboiras actúa como “motor de explosión” construíndo país e por iso mesmo, é obxectivo calculado e perseguido polo aparato aniquilador do franquismo. 
Para o nacionalismo galego que se impulsou a partir de vidas segadas, como foi o seu caso, Reboiras é un símbolo de referencia sobradamente merecedor da honra que anualmente lembra o seu calvario na cidade onde foi abatido polas balas criminais dos fusís homicidas ou na memoria familiar da súa orixe, ao pé do sartego no que repousan os seu restos no nicho do Cemiterio de Imo, no inmediato Concello de Dodro. Memoria heroica dun xeito que vai á par de Bóveda e outros devanceiros fusilados ou matados con nocturnidade e logo guindados nas beirarrúas das estradas e corredoiras polo brazo armado da ditadura, ás veces con grupos paramilitares; conmemorados no Día da Galiza Mártir. Porén, esta película documental certeiramente dirixida por Alberte Mera, é un relato básico imprescindible para coñecer o pasado común. Froito acadado con moito esforzo de investigación e malia carencia de recursos, tanto pola limitación económica que se soportou sobre achegas de voluntariado, a produción da Fundación Terra e Tempo e certa axuda institucional da Deputación coruñesa; sen esquecer o mérito que supón pescudar materiais de arquivo visual dun tempo no que se carecía deles e que precisaron chamar en moitas portas para recibir colaboración recibida nas imaxes de álbums privados, materiais da Filmoteca estatal e moita creatividade que se expresa na recreación dos momentos claves coa ficción. Sobranceira é a relación plural das testemuñas escollidas, coas que se contribúe a revalorizar atinadamente o documento, persoas que representan a toda unha xeración de activistas a prol das liberdades democráticas e nacionais que traballaron, soportando toda clase de atrancos, para ofrecer solucións económicas, políticas e sociais ás clases traballadoras galegas. Xente que coñeceu e tratou a Reboiras de primeira man, os que coa súa lembranza permiten construír un relato fiel na memoria histórica dunha persoa que entregou vida, paixón e morte pola causa nacional do país. 

Relato imprescindible da represión

Te puede interesar