Maquía, as gaitas que soan en Alemaña

Maquía, as gaitas que soan en Alemaña
os seis integrantes do grupo “maquía, gaiteiros de godos” vestindo o traxe tradicional das rías baixas

O primeira vez que fixeron soar as súas gaitas na Semana de Kiel, en Alemaña, o público respondeulles con “oles”. Costa facer entender fóra das nosas fronteiras que a cultura española é moito máis que flamenco e touros, pero os gaiteiros de Godos “Maquía” van polo bo camiño. Nas súas dúas participacións neste evento, o máis importante do norte de Europa, deixaron pegada. En 2012 non puideron estar e “botáronse de menos. Moita xente viña preguntar por eles”. Son palabras de Fernando Álvarez, dende 1986 presidente do Centro Español de Kiel. Leva 27 anos organizando a representación española na “Kieler Woche”, cun stand no que a gastronomía, cultura e atractivos turísticos das Rías Baixas copan boa parte do protagonismo. Nacido en Cangas pero casado en Vilaxoán, emigrou en 1964. Agora vive cun pé en Galicia e outro en Alemaña, comprobando como a promoción da nosa terra no país xermano comeza a dar froitos: “Agora xa non é raro atopar a alemáns” na vilaxoanesa praia do Preguntoiro.
E o seu traballo non cesa. Este año estará de novo á fronte da comitiva española entre o 22 e o 30 de xuño en Kiel, unha cidade duns 200.000 habitantes que recibe, con motivo da “Kieler Woche” a máis de tres millóns de persoas. É o evento de vela máis grande do mundo, con arredor de 3.500 participantes nas regatas. En paralelo, desenvólvense más de 2.000 eventos de carácter cultural distribuídos polas rúas e prazas da localidade e tamén polas vilas dos arredores. Máis de cincuenta países do mundo estarán representados a través da súa cultura, gastronomía e tradicións. E alí estará “Maquía” para poñer o toque galego e para dar a coñecer a nosa idiosincrasia entre a poboación local e os milleiros de visitantes da 131 edición da Semana de Kiel.
As gaitas, a requinta e outros instrumentos tradicionais  de percusión acompañarán na súa viaxe aos seis integrantes do grupo. A maioría cumpren neste 2013 trinta anos tocando xuntos, desde que comezaran de pequerrechos na Asociación Cultural Santa María de Godos. Lucirán en Alemaña o traxe tradicional típico da zona das Rías Baixas, que destaca pola predominancia dos tonos vermellos e diferénciase da vestimenta doutras comarcas galegas por levar as cirolas por fóra das polainas. “Somos un dos poucos grupos, senón o único, que vestimos este tipo de traxe”, comenta José Manuel Acha, director de “Maquía”. Tres actuacións no escenario principal na Praza do Concello de Kiel e outra ducia de demostracións nos arredores formarán parte do súa axenda na última semana de xuño, espallando polas terras xermanas os sons tradicionais de Galicia e espertando un cúmulo de sensacións entre os emigrantes galegos. “Emociónanse” e chegan a “caerlles as bágoas”. A morriña é o que ten...
Detalles coma este fan que, para “Maquía”, a participación na “Kieler Woche” sexa unha experiencia “única, que paga a pena vivir”, refrenda Acha, que lembra a súa última estancia en Kiel. “Foi moi emocionante. Viñeron bailar con nós” un grupo dunhas vinte persoas “do Centro Galego de Hamburgo” e as súas caras eran o reflexo do entusiasmo por sentir tan de preto as esencias da terra nai. “Estando aquí (en Galicia) non se aprecian do mesmo xeito as tradicións. É normal...”, conclúe José Manuel Acha.
O seu papel na Semana de Kiel no se limitará ás actuacións musicais, senón que desenvolverán tamén unha función didáctica para dar a coñecer, por exemplo, “os instrumentos tradicionais” de Galicia. Son moitos os estranxeiros que se sorprenden ao descubrir que a nosa é unha terra de gaitas. “A xente está moi interesada”, comenta o director de “Maquía” en base ás experiencias anteriores vividas nos anos 2009 e 2011. Imparten charlas “aos rapaces dos colexios, que incluso intentan coller algúns dos instrumentos” para facelos soar. E todo isto sen apenas ningunha subvención por parte das administracións rexionais ou españolas. Será o Concello de Kiel o que sufrague a estancia de “Maquía” na localidade alemá. “Non é doado organizar isto sen practicamente axudas. Hai que quererlle moito” ao proxecto “para levalo a cabo” nestas condicións, resígnase Fernando Álvarez, que xa está a preparar ao seu fillo para que colla o relevo e dea continuidade á promoción de España, Galicia e as Rías Baixas na “Kieler Woche”.

Maquía, as gaitas que soan en Alemaña

Te puede interesar