“Os veciños pídenme que siga porque non ven outras alternativas á nosa importante xestión”

“Os veciños pídenme que siga porque non ven outras alternativas á nosa importante xestión”
Diario de Arousa-2015-05-14-018-4e9be157_1

O actual alcalde de Catoira, Alberto García, preséntase á reelección tras 26 anos de dedicación aos catoirenses, pero asómbralle  tanto interese porque leve tanto tempo ás rendas do Concello vikingo. “Terían que preguntarse canto levan algúns da oposición”, declara para indicar que, en ambos casos, son os veciños os que así o deciden nas urnas. De feito, afirma que se continúa é porque a cidadanía llo pide e que seguirá mentres isto non cambie porque “nunca quixen dedicarme a outra política que non fora a local”.

Leva 26 anos como alcalde de Catoira e preséntase outra vez  a reelección, por que?
Porque os veciños cando me ven, non na rúa senón no meu despacho, pídenme que me presente porque non ven outras alternativas persoalmente, como alcalde, e principalmente como un equipo de goberno que realizou unha importante xestión.

Que queda do Alberto García que se presentou aquela primeira vez?
Sigo sendo o mesmo e a xente o sabe, por iso me revalidan cada catro anos. Agora outros presumen de transparencia, de que van mostrar o seus patrimonios, pois ben, cando eu entrei por primeira vez mandei unha carta aos veciños explicándolles o que teño: unha casa e un coche e máis nada. Agora presúmese diso. Eu cando deixe, agora non, poderase comprobar todo iso e a miña xestión.

Parece que ten vostede a intención de seguir presentándose máis aló destas municipais.
Mentres que os veciños sigan dándonos parabéns pola nosa xestión, temos que seguir. E certo que tamén teño a miña vida persoal, á que tamén lle debo atención, pero dediquei a miña vida aos meus veciños e quero seguir facéndoo. Por certo, últimamente me insisten moito dende os medios con que se levo 26 anos, outros alcaldes levan incluso máis, pero e que ademais, terían que preguntarse cantos levan algúns da oposición é creo que é moi importante porque son os vecinos os que elixen ambas cousas.

Pregúntolle porque, como ben di, ser alcalde supón unha dedicación máis intensa que pode desgastar máis.
Dedícome aos meus veciños en corpo e alma e teño ao meu partido, o PSOE, no que milito dende hai máis de40 anos, pero nunca quixen outra política que non fora atender aos catoirenses.

Que lle queda por facer?
Primeiro hai moitos proxectos que puxemos e seguen en marcha e aí quedarán, no caso de que me suplan, pero non só se trata de grandes obras. Hai que vivir cos veciños, estar aí para os seus problemas, que ás veces nin teñen que ver con servizos, e solucionalos ou axudarlles a facelo; problemas que non solucionan ni os gobernos da Xunta, ni os das deputacións, nin os de España porque non os viven e aínda por riba ata poñen impedimentos legais para que os alcaldes poidamos traballar para os nosos veciños.

A que impedimentos legais se refire?
Todas as leis de Rajoy, Feijóo e dos presidentes das deputacións que impiden que teñamos competencias para solucionar os problemas máis cercanos.

Cales son as súas propostas?
Todas están enlazadas co que fixen e outras novas que este equipo de goberno deixa moi ben encauzadas como o balneario ou museo medieval, por nomear algunhas respecto á promoción turística da vila, sen esquecer o aproveitamento das augas mineromedicinais do pozo das Lombas.

Falando do balneario, como se logrará a financiación?
Un Concello non fai, nin debe, destinar cartos a este tipo de infraestruturas, para iso está a iniciativa privada e o noso deber e que as inversións veñan a Catoira e niso estamos. Estamos asistindo a feiras termais e a outros eventos e iniciativas, e podo dicir que estamos recibindo chamadas de persoas interesándose polo que ofrecemos. Tamén é importante saber que temos apoio europeo como destino vikingo o que é unha boa baza porque somos o único concello de España incluido no Itinerario Cultural Europeo de Vikingos y Normandos del Consejo de Europa e non é todo, temos un amplo programa de actividades culturais e de ocio para os veciños durante todo o ano. É gracias ao esforzo que fan todos os veciños de Catoira.

Por contra os seus rivais políticos din que a deuda do Concello é excesiva e que non é imparcial na contratación de persoal. Que pensa disto?
Dame a risa porque todos os que o din, principalmente o PP, aínda que o BNG tamén emprega eses argumentos, non teñen en conta unha cousa. Eu sigo gobernando porque a xente segue elexíndome. No tema do persoal podo presumir de que en todas as oposición que se convocaron, nos tribunais había membros da oposición. En canto a débeda, mire, os veciños de Catoira teñen dereito a ter os mesmos servizos que os de Ribadumia, Cambados… E se non llos dan a Diputación, a Xunta ou goberno do Estado ten que darllos o Concello e o fai dun modo que outros non saben, que é sen cobrarlles máis impostos á cidadanía. Aínda que nos queiran arruinar, podemos presumir de ser un dos lugares da comarca de Arousa onde menos impostos se pagan, comparándonos incluso con outros concellos onde esas administracións financian o 100% de moitas obras.

Considera entón que Catoira, ao estar gobernada polo PSOE, non obtén o mesmo apoio?
Levo 26 anos e os distintos gobernos, da Xunta e das Deputacións intentan asfixiarnos, pero sei como actuar para que os veciños teñan máis ou polo menos os mesmos servizos que outros.

O conflito pola obra da Praza das Rañas marcou a precampaña e o PP o da por terminado, e vostede?
Eu non dou por terminado nada porque nunca tiven problema algún neste asunto. Si defendín os intereses e as demandas dos veciños para facer unha obra nunha praza que sempre foi pública. Nunca houbo tal conflito, se alguén o tivo, e agora se dá de conta, é o seu problema.
O viaduto sobre o Ulla está terminado e o tren da Alta Velocidade xa circula por el, que supuxo esta infraestrutura para a vila?
O máis importante para Galicia en xeral é que haxa un tren de Alta Velocidade que conecte A Coruña e Vigo. Aplaudo esta iniciativa dende que Fraga asumiu esa responsabilidade, e non era do meu partido, pero sempre tiña na cabeza defender os intereses de Galicia. Con todo, valoro máis que se manteñan os trens de cercanías porque son moi necesarios para os veciños de Catoira e tamén para os de Vilagarcía, Padrón e Pontecesures.

Como definiría ao seu equipo? Que supón que haxa unha maioría de independentes?
Eu son mozo de ideas, aínda que algúns destaquen a miña idade, e sinto orgullo de que haxa catro catoirenses moi mozos na candidatura. Son primeiros votantes e me sinto arroupado pola mocidade. E que haxa unha maioría de independentes quere dicir que o Concello está aberto á participación nas decisións que se toman. De feito, podo demostrar que tivemos que parar porque había moitos interesados que finalmente tiveron que quedar fóra da lista.

“Os veciños pídenme que siga porque non ven outras alternativas á nosa importante xestión”

Te puede interesar