En Vilagarcía o catoirense Roi Casal séntese como na casa. O artista leva anos actuando na capital arousá e este sábado día 9 é a segunda vez que recalará na cidade co seu espectáculo “Son galego, son cubano”. Iso si, cun toque e un obxectivo diferentes aos do concerto que logrou encher hai case dous anos o parque da Xunqueira. As entradas xa están á venda a través do portal web Ticketea.
Leva xa un tempo xirando con “Son galego, son cubano”. Como está sendo esta experiencia tan diferente ao que nos ten acostumados?
É unha experiencia que foi un punto de inflexión para a miña carreira. Este proxecto veume dado. Eu cheguei despois dunha xira en Latinoamérica co meu proxecto anterior. Foi en Cuba donde nos propuxeron iso e contactei con Neira Vilas e a partir daí creouse isto que foi sumando pouco a pouco. Digamos que é un proxecto que trascende máis alá de Roi Casal, moi rico e exhuberante e unha comunión absoluta entre Galicia e Cuba. É, en esencia, unha homenaxe a Neira Vilas e á emigración galega en Cuba.
Quedaron ganas de volver a Vilagarcía...
Cada ano este proxecto gaña máis e máis dinamismo. Madurou e incorporou novas cancións para enriquecer o directo. Son dúas horas de espectáculo e agora o que queremos facer é recoller o estado actual do proxecto, de como foi madurando dende o ano 2016. Daí que vaiamos comezar aquí en Vilagarcía a gravación do disco en directo despois do que foron un total de 60 concertos multitudinarios ao longo de diferentes lugares. Hai que deixar claro que Galicia abriunos totalmente os brazos e eu a miña parte musical xa a teño recompensada.
Cambia moito o espectáculo de escoitalo no disco a velo en directo?
O público pregúntanos moitas veces donde está unha e outra canción. Por exemplo “Vai Alborexar”... E non están en ningún lado e iso hai que corrixilo. Volver aquí non é porque esteamos a forzar a máquina, pero teño claro que non vou sacrificar este proxecto mentres teña reclamo nin a exprimilo porque si. Agora é moi natural que a xente pida este disco. Hai que facelo, é unha débeda que temos.
Despois da súa participación en “Son galego, son cubano” supoño que cambiou a súa visión sobre a emigración galega en Cuba...
Eu tamén tiña un gran descoñecemento desa parte da historia. O que me dou conta é que con este espectáculo a xente asiste a algo máis que a un concerto de música. A sensación tívena en todo o proceso. A xente foise dando conta de que entre Galicia e Cuba hai algo máis que o que pode ser o himno galego, a RAG ou publicacións... hai toda unha historia. O proxecto fai de ponte para ese coñecemento e fai que a xente de todas as idades lle esperte algo por dentro. Eu penso que segue a haber unha conexión emocional con Cuba e notámolo en moitas zonas de Galicia. Eu cumpro a encomenda de Neira Vilas que é a de que a xente coñeza esta parte da historia.
O Roi Casal que se coñecía antes de “Son galego, son cubano” era moi distinto a este. Pódese considerar que vai mudar a súa carreira a partir de agora?
A min cambioume para sempre. A xente que ve a miña traxectoria sabe non me repito e non me vou repetir despois disto. A xente sabe que cando me fun de Milladoiro non fixen o mesmo que despois. “Son galego, son cubano” cambiou a miña visión de que hai que ser atrevido, de que hai que ter certa amplitude no mundo da música. Penso que hai que ser atrevido e trasmitir a música como ti a ves. Eu seguirei dando os meus puntos de vista coa música que me cadre ou me apeteza en cada momento. Agora tocoume este proxecto e estouno defendendo ao máximo. Cos que veñan, pois igual.