Un baile de máscaras

Un baile de máscaras é título dunha ópera italiana, en tres actos musicados para poñer en escena o libreto dun autor francés que narra a morte, por asasinato, dun monarca nórdico perante un baile que é tradición popular nos tempos do Entroido. Adaptación literaria dun feito real que, polo simbolismo da súa materialización, transcende ao éxito da obra artística para converterse nunha metáfora da acción política e social á hora de confrontar o que se di e o que se fai, dito doutro xeito: Unha cousa é predicar e outra dar trigo. Cousa manifesta á hora de ver a inacción do Goberno estatal diante do seu reiterado compromiso de derrogar, ou reformar de xeito fondo no seu alcance, a reforma laboral que se impuxo polo anterior goberno, abusando da súa maioría parlamentaria; baixo pretexto de saír dunha crise. Un retroceso innegábel en materia de dereitos que, alén do texto formal empregado na norma para facer máis doce o seu grave contido, ficou ao descuberto na declaración do daquela ministro do ramo, actual vicepresidente do BCE, para lanzar unha proclama aos mercados, deixando claro que seria “extremadamente agresiva, con moita flexibilidade na negociación colectiva e reducindo as indemnizacións por despedimento”. Onde hai papeis, calan barbas. A hemeroteca é bo testemuña da razón de ser da inxusta afronta.

Porén, cando transcorreron xa nove anos desde a súa aprobación o mercado laboral español no seu conxunto, no caso galego aínda está moito peor, acumula grandes desequilibrios que son as causas das desigualdades e a pobreza laboral existente, sendo das máis graves: A baixa taxa de ocupación, o elevado desemprego, a temporalidade inxustificada, o abuso dos despedimentos, a fenda de xénero e a ausencia dunhas políticas activas de emprego de calidade que deterioraron a formación para o traballado e a mediación laboral. Estas carencias poñen en evidencia que aquela reforma laboral, aparte da súa inxustiza social, foi un fracaso rotundo xa que non conseguiu ningún dos obxectivos que formalmente proclamaba, senón que agravou os problemas laborais. Iso é así porque realmente foi un instrumento para mellorar a competitividade das empresas a través da precariedade e os baixos salarios. Diminuíu os dereitos das persoas traballadoras, desequilibrando a favor do empresariado a negociación colectiva xa que pretendía debilitar aos sindicatos e impedir a posibilidade de artellar un marco de relacións laborais de forma equitativa.

A pandemia sanitaria volveu incidir de maneira máis grave nas desastrosas consecuencias das políticas neoliberais aplicadas: Enfraquecemento da negociación colectiva, privatización e recortes dos servizos públicos. Estamos nunha crise económica e social que pide cambios urxentes na regulación laboral para poñer en marcha políticas que permitan iniciar unha auténtica recuperación económica baseada no pleno emprego, salarios e pensións dignas. Unha saída xusta que vén de exixir o sindicalismo galego mobilizado para asegurar un futuro solidario e xusto. 

Un baile de máscaras

Te puede interesar