As reviravoltas que producen a combinación de datas festivas nun calendario anual, a xeito de conxunción astral que se dá nun momento dado, aínda que repetidos con carencia matemática previsíbel de xeito cíclico, este ano trouxeron a coincidencia nestes días de tres grandes celebracións de ámbito mundial, aínda que festexadas con matices e acento local: O aninovo chinés estendido, o Entroido que tamén é carnaval e o artificioso San Valentín; nos dous primeiros casos asentados sobre unha longa tradición cultural popular e, no último, incentivado por interese mercantil sobre unha base histórico relixiosa que ten moito de relato de ficción. Mesmo figura nunha referencia subordinada no santoral católico que sempre tivo certa dúbida da súa verdadeira existencia como mártir da causa. A historia construíuse partindo dunha festa romana que o papado cristianizou presentando un santo en base á biografía dun médico do Imperio Romano reconvertido en sacerdote, morto por casar parellas novas en segredo nas adegas dos cárceres, malia que o emperador de quenda tivese prohibido que os soldados contraesen matrimonio por considerar que os solteiros sen fillos eran máis útiles no exercito. No martirio deste santo varón anótase que foi capturado, encarcerado e remataron por cortarlle a cabeza; e iso que durante o seu cativerio supostamente sandara da súa cegueira á filla do verdugo. Velaí, nas súas orixes pensouse en conmemorar as boas accións atribuídas ao santo martirizado, facendo del icona do concepto universal do amor e a efectividade. Un pouso transformado polos mercados, á marxe do divino, en motivacións para incrementar a venda de produtos de xoiaría e outros bens de luxo para ser convertidos en agasallo ás persoas amadas. Non deixa de ser un sarcasmo ben retranqueiro que esta data, o 14 de Febreiro, fose marcada na historia real dos vaivéns humanos pola chamada “Matanza do Día de San Valentín”, feito acaecido na localidade americana de Chicago, fai xa preto de cen anos, cando catro matóns asasinaron a sangue fría a sete membros dunha banda rival nun local da cidade; marcando con certeza un antes e un despois na historia da mafia dos Estados Unidos. Amor, paixón e violencia que forman parte indisolúbel de boa parte dos argumentos que enchen os guións dos películas e series televisivas de moda nos tempos actuais .
Lonxe diso, a tradición enraizada. O noso Entroido, carnaval noutros pagos, que xunta festa de comer e de amosar escarnio e sátira. Patrimonio inmaterial que se expresa nos cigarróns, pantallas, felos, boteiros, xenerais, volantes, madamas e galáns, demos gamainchiños, sabas brancas, folións e choqueiros que se suman a compadres e comadres nun vocabulario antropolóxico único que é metáfora de denuncia do abuso caciquil castigado coa borralla de formigas caníbales na tribo dos peliqueiros. Esencia cultural de pobo que, acolá, na China festexa aninovo, simbolizado no boi de metal, sumando os mellores atributos de animais e metálicos. Chamada ao respecto pola natureza e o medio ambiente. Vacina para futuras pandemias. Abofé.