Teoría dos vasos comunicantes

Vasos comunicantes é o nome que recibe un conxunto de recipientes comunicados pola súa banda inferior, superior ou lateral e que conteñen un líquido homoxéneo, constatando que cando o líquido está en repouso alcanza o mesmo nivel en todos os receptáculos, sen influír a forma e volume destes. Así, cando sumamos certa cantidade de líquido adicional, este desprázase ata alcanzar un novo nivel de equilibrio, o mesmo en todos os recipientes. Sucede o mesmo cando inclinamos os vasos; aínda que cambie a posición dos envases, o líquido sempre alcanza o mesmo nivel. Ata aquí, a teoría dun proceso físico, referendado pola experiencia empírica. Fallo total na súa extensión metafórica e simbólica ao mundo da cultura galega, e tamén na foránea ao noso país, á hora de ver os comportamentos sociais que produciu a influencia da presente e abafante pandemia sanitaria global do virus imperante nos hábitos cultural da poboación galega, obxecto dun estudo; preto de cen páxinas de texto e gráficos que meses atrás publicou o Consello da Cultural Galega, baixo a coordinación de Hakan Casares que nestes días está sendo obxecto dunhas xornadas de reflexión e posta ao día, baixo o título de “participación e públicos culturais en tempos do Covid-19”, pensadas co obxectivo e propósito de coñecer a evolución dos hábitos, do consumo ou da participación cultural nesta etapa, tan anormal e imprevista, das nosas vidas. 

Sen dúbida, a crise sanitaria, económica e social que soportamos causou, e aínda se mantén coa súa matización xeográfica local, en todo o mundo planetario unha gran convulsión e un novo escenario de consecuencias incertas para moitos sectores de actividade. Mágoa é que un dos ámbitos que resultou especialmente prexudicado polas diferentes medidas aplicadas polos gobernos é o cultural, co peche ou grave limitación de aceso a espazos e centros de actividade ou lecer, e a total imposibilidade de celebrar a meirande parte da programación habitual no resto. O desafío para a actividade, coa súa consecuencia económica e de emprego para profesionais e industrias culturais, está a provocar un irreversíbel quebrantamento dun sector dinámico e vital. 

Así e todo, facendo boa a sentenza musicada do cantor portugués, Fausto, a respecto da inxusta distribución da riqueza nese territorio irmán das e dos galegos, no que “uns van ben ou outros mal”, malia o aspecto positivo que representou o lixeiro incremento do hábito lector, especialmente nos días do confinamento, diante da reiterada dificultade para participar en actos realizados en directo, e á veces mesmo para saír da casa, o grande beneficiado do mal común é o negocio relacionado coas novas tecnoloxías, a difusión pola rede de internet e, moito máis aínda, as plataformas audiovisuais, de series para televisión, cine, musicais e de venda remota de produtos culturais que, non excluíndo por si mesma ao feito na lingua galega, na máis grande parte é de contido cosmopolita, alleo a nosa realidade e totalmente afastado do interese galego. Tristeza.

Teoría dos vasos comunicantes

Te puede interesar