NIHIL NOVUM SUB SOLE

P   ois iso, que vén sendo -para entendérmonos todas e todos- que non hai nada novo baixo o sol, pero dito en latín sempre queda moito máis divino, aínda a risco de que o acusen a un -que xa o teñen feito e con certeza hano volver facer- de ser “sabio latino”. E sabio non, nin pretensión de selo sequera, pero algo de proveito lle foi tirando este que subscribe ao seu paso pola universidade compostelá para se converter en amante da palabra. Non, non é un chiste, é adaptación lingüística pura e dura: “filólogo, amante da palabra”. E non, non é latín, é grego.
Ah, si, o de que non hai nada novo, que xa o esquecía, que nos poñemos a falar do divino das palabras e non nos chega a xornada... O tema é que unha vez máis volvemos sobre o mesmo: os ataques do Partido Popular e do seu voceiro ao resto da Corporación Municipal.
E igual non se lle debía dar ao asunto nin a máis mínima importancia, porque din que o tempo pon a cadaquén no seu sitio e vai facer agora un ano que a cidadanía así o decidiu en Vilagarcía de Arousa e os feitos xa son contestación en por si, pero no fondo ten o seu aquel simpático o de lle devolver a pelota a quen cha manda, sempre -e todo hai que dicilo- con respecto e con educación, como así foi ata agora e como con seguridade así ha seguir sendo.
Pois, volvendo ao asunto, non hai nada novo baixo o sol e seguimos polo tanto con máis do mesmo: o voceiro do Partido Popular xulgando o traballo dos demais grupos políticos, do goberno ou da oposición. Pero ollo, que aínda estando no seu dereito innegable, non é este un xuízo calquera, non. Desta volta o Sr. Xuíz inclúese a si mesmo no grupo dos xulgados para, mentres afirma que os demais non pasamos do “moi deficiente”, dar por sentado que a súa formación non vai suspender, porque ve o vaso medio cheo... Pero como é isto? Aquí todo vale? Admítese o de ser xuíz e parte? Veña logo, se as normas son así, pois que sexan. Imos xogar ao dos vasos medio cheos ou medio baleiros, pero só para dicir unha cousa: unha persoa pesimista ve o vaso medio baleiro e unha optimista veo medio cheo. O máis intelixente é parar a pensar e chegar á conclusión de que o vaso está exactamente pola metade, ou visto doutro xeito, que a súa capacidade admite o dobre de líquido que garda. Racionalismo seica lle chaman a iso...
Somos Maioría segue defendendo as medidas que impulsen a transparencia, pero cando ditas medidas xa existen, cando xa están aprobadas e, non o esquezamos, xa se levan aplicando desde hai tempo, pretender gastar -investir se prefiren, que queda máis fino- un só euro do peto das vilagarciás e dos vilagarciáns de maneira innecesaria, xa se estarían cruzando os lindes do racional e comezando a pisar na leira do absurdo. E neste país xa se sabe que o de pisar leiras alleas e mover marcos non está moi ben visto. E o de gastar cartos ao parvo, moito peor.
E xa para rematar, imos tirar de memoria. Lembran cando o voceiro do Partido Popular dicía que o “Pacto de Cidade” -ese co que PSdG-PSOE e PP acordaran soldos e liberacións- era “culpa da esquerda” por non saber poñerse de acordo e estar sempre dividida? Si, si, literalmente, a palabra escollida daquela fora “culpa”; non causa, motivo, razón... Non, a palabra fora “culpa” -maldito subconsciente-. Lémbrano, verdade? Pois miren por onde, igual a esquerda, ante certas propostas que pisan fóra da leira do racional preferiu quedar xunta por dentro dos marcos e como facían o detective Mike Hammer interpretado por Stacy Keach ou o irrepetible Juncal de Paco Rabal, tamén “tomou nota”. Hai quen prefire asociar esa expresión con outro tipo de personaxes... nada novo baixo o sol.    
               *Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

NIHIL NOVUM SUB SOLE

Te puede interesar