Q ue bonita e que ben soan esas coplas cantadas xeración tras xeración polos carrilexos e carrilexas (e os que non o son): Se vas a Carril, ao mesmo chegar, verás Cortegada deitada no mar… Coplas que falan do seu orgullo polo seu pobo e o seu patrimonio. Que se alguén sabe diso, do seu patrimonio e da súa defensa, son eles/as. Mulleres e homes que loitaron, e que seguen a facelo, porque Cortegada sexa de todos e todas e porque se conserve a súa riqueza e diversidade que a fan única. Que coñecen cada recuncho da illa porque, moitos deles son descendentes dos que alí habitaron e coñecen a historia de primeira man; e porque todos e todas, dende sempre, a tiveron como un lugar máis do pobo do que desfrutar.
Pero non só eles son capaces de ver a grandeza da illa. Somos moitos os que tan só ollando para ela nos decatamos do tesouro co que conta o pobo de Carril . É por iso polo que tras os actos celebrados recentemente, en recoñecemento ao pobo, non nos pode máis que, cando menos, chamar a atención, o xeito no que se sucederon os acontecementos. Unha homenaxe, supostamente para o pobo, onde non se conta con el. Resulta chamativo, que dende o grupo do goberno se proclame a bombo e platillo nos medios de comunicación o traballo que esta xente fixo, cando os veciños e veciñas non foron partícipes en todos estos actos que se fixeron ao longo dunha semana cos membros da asociación AMUPARNA. Así como tampouco se contou con eles/as á hora de recadar a información necesaria para facer os recoñecementos pertinentes. E para colofón final, colócase unha placa, na que a única referencia á nosa lingua é o lema “Cortegada é nosa defendámola” e unha das coplas da foliada de Carril. Dirase que é unha asociación a nivel estatal a que a concede e por iso está en Castelán. Dende o goberno municipal, ao igual que se establece o lema e a copla, debérase demandar que polo menos,estivera nas dúas linguas.
Tristemente, os e as que mellor coñecen e cantan á súa Cortegada da alma, ven como se saca tempo e recursos para atender a unha asociación estatal, mentres se deixa de lado á xente do pobo que confiou en nós para a administración do Concello.
Unha vez máis, vemos como, a pesar de cambiar de partido de goberno as cousas séguense a facer sen o rigor necesario e de costas ao pobo, deixando xa de lado, a falta de información ao resto da corporación.
Falta de interese polo noso patrimonio e a nosa xente, falta de capacidade, erro de forma...? Quen sabe? En todo caso, dinámicas de traballo, pouco colaborativas e compartidas ,que fan que os actos institucionais queden relegados ás imaxes e notas de prensa sen que teñan un significado real para as persoas da vila, e dándolle máis importancia, coma sempre, á impresión que causamos fóra. Sen ser incompatible, xa que, a mellor imaxe que se pode proxectar é o traballo ben feito dentro do propio pobo, coa nosa xente e por ela.
*Concelleira do BNG en Vilagarcía.