Galicia é un país de contradicións, por un lado os galaicos son os máis descontentos coa vida, mentres que polo outro todo o territorio arde en festas coa chegada do verán. Será para afogar as penas en exaltacións gastronómicas e degustacións etílicas. O inquérito de condicións de vida do INE non di nada novo que calquera autóctono no saiba, como o chiste de darlle de comer ao can... os galegos están no mundo por estar. Un pai andaba en liortas co fillo para que estudase, para facer del un home de proveito, pero o rapaz non quería, consideraba que estar diante os libros era unha perda de tempo e que só atrasaría uns anos o seu ingreso nas listas do paro. Puro determinismo ou o chiste do can.
Dúas familias andan envoltas en disputas por un camiño que reclamaban ambas. Como en todos estes casos sempre hai un nativo que se considera posuidor da lei, a legalidade e a verdade e só o pode demostrar a tiros de escopeta ou coa fouce, que son medios económicos de impartir xustiza, ou se non ir aos tribunais. En vez de compartir o sendeiro, a familia revoltosa inicia a demanda e perde a súa reclamación da corredoira. Tras recibir a sentenza e para seguir reivindicando o camiño, durante varios día se viron obrigados a realizar complicadas manobras co seu coche marcha atrás para circular por la vía en litixio até que cansaron.
Son dous casos do carácter infeliz do galegos, que entre vivir normal e ter algún que outro problema sempre optan pola vida complicada. Así que non lles queda outra que aplicarse a máxima de antes mortos que felices, non vaia ser que morran dun ataque de risa.
Aínda así, o inquérito do INE demostra que os galegos son distintos aos habitantes do Reino, xa que consideran que todo está mal para levar unha vida dentro dos parámetros de normalidade estándar. Porén, os resultados da sondaxe poden lerse ao revés e pensar que os demais cidadáns están equivocados na súa percepción da realidade e que viven noutro mundo ou noutro universo paralelo. Penso que é así como debe ser. É imposible que un país como Galicia, con cifras de paro endémicas, con montes arrasados, coas costas esquilmadas de recursos mariños, con listas de esperas sanitarias anuais, con comedores escolares abertos todo o ano, con avós convertidos e pais para coidar dos netos, con estradas trazadas en espiral, cos carburantes máis caros, coas portaxes das autoestradas máis elevadas, con nenos case sen escolarizar, con grandes touradas e grandes festas estea habitado por xente descontenta coas súas condicións de vida.