Como xa ven sendo habitual, estos días volvín a ter a sorte de atoparme con Leticia, que lonxe de decaer no seu ánimo pola súa situación, segue adiante con máis forza se cabe. Nótoa especialmente exaltada e no seu xeito de falar percibo como é a carraxe e a indignación o que a fai manterse erguida.
Desta volta, trátase dunha familia veciña cunha situación especial, á que ela lle adica o seu esforzo porque se lle axude. Trátase dunha familia monoparental cunha filla con discapacidade intelectual, á que tras cumprir os 21 anos, teñen na casa sen ningún tipo de estimulación e con escasa axuda económica. Axuda que, polo que ela me conta, se veu reducida nos últimos anos, porque segundo un tribunal, a porcentaxe de discapacidade, diminuille co tempo.
Cando me está contando isto, quédanme gravadas un par de frases: Eu quixera que a viran, esos do tribunal que din que non ten tanta discapacidade! Que viñeran de noite cambiarlle a cama porque non controla esfínteres ou poñerlle a compresa cada vez que ten a regla.
Vexo nos seus ollos a demanda desesperada por algo que para ela como para moitos de nós resulta inxusto.
E aínda por se fora pouco, agora xa non pode ir á escola porque a súa familia non se pode permitir coa súa pequena axuda de 300 euros, máis os 400 da súa nai, levala a ningún centro onde atendan as súas necesidades. Cóntame que se puxeron en contacto con algunhas asociacións, como Con Eles, pero que a pesar de saber que sería o centro axeitado para ela, non poden facerlle fronte ao pago mensual. Por outra banda dende o proio centro, manifestan que non poden abrir máis prazas porque a axuda institucional que reciben non lles chega para poder atender a máis persoas, aínda tendo o espazo para facelo.
Chegados a este punto é cando me di, que que pasa coas institucións públicas, porque non lle dan solución ás necesidades destas persoas, se non teñen dereito a ter unha vida digna como o resto das persoas que nos consideramos normais ou sen deficiencias. Aquí é cando, tristemente, teño que admitirlle a Leticia, que por desgraza, unha vez máis, son os máis necesitados os que acaban sendo máis prexudicados polos recortes que o partido popular leva exercendo durante o seu mandato. E neste caso, intentando ocultar unha realidade social como é a diversidade,á que se nega a aceptar e a incluír de xeito normal e real na sociedade. Entón é cando sentencia a súa reflexión e conclúe dicindo: Claro é que a partir dos 21 anos, as persoas con dificultades ou deficiencias non existen ou deixan de telas, e se non as vemos e non as atendemos, non existen...
Ante a defensa tan coherente e veraz desta moza, non me queda máis que darlle a razón e amosarlle a miña intención de intentar mudar este tipo de situacións, aínda sabendo que dende a miña posición ao igual que dende a dela resulte complicado facelo. Imos loitar por unha inclusión real.
*Concelleira del grupo municipal do BNG en Vilagarcía de Arousa