A garota de Ipanema

Olha que coisa mais linda / mais cheia de graça / é ela menina / que vem e que passa / num doce balanço / a caminho do mar… Ah, por que estou tão sozinho? / ah, por que tudo é tão triste? / ah, a beleza que existe / a beleza que não é só minha¡ / que também passa sozinha…” , letra de Vinicius de Moraes que se converteu na canción de bossa nova probablemente máis universal, composta fai máis de cincuenta anos, inicialmente titulada “Menina que passa”, logo popularizada como “Garota de Ipanema”, por máis que o nome desta mítica praia de Río de Janeiro non figure no texto. Porén, na versión musicada que coñecemos, omitiuse a primeira parte do poema: “Vinha cansado de tudo, de tantos caminhos / tão sem poesía, tão sem passarinhos /  com medo da vida, com medo de amar. / Quando na tarde vazia, tão linda no espaço /  eu vi a menina que vinha num passo / cheio de balanço caminho do mar”.
Enredo verbal, metáfora do fracaso da Selección no Mundial de Fútbol. Aos endeusados xogadores e cadro técnico da “vermella” ben puidera afectarlle un andazo froito do clima tropical, do ambiente de crispación social que vive Brasil por causa da abafante situación de inxustiza social, a falla de atención ao xogo por estar concentrados nos seus negocios de publicidade, ou vai ti a saber por qué outras cousas, incluído o efecto das garotas. Gañar e perder son as dúas caras da mesma moeda, inseparables no deporte. Nada que obxectar, mesmo partindo dos éxitos anteriores. É a lei da gravidade: todo o que sube remata por baixar. Dito en proverbio árabe: Medra como palmeira e cae como coco. O feito de converter un mal resultado en frustración popular é consecuencia das artificiais expectativas. O peor do resultado de Maracaná é que foi xusto. Repítese o fracaso dos Xogos Olímpicos para Madrid: De seguros gañadores a non pasar nin a primeira fase. É o perigo dos cantos de serea. Dos que crean estados de opinión irreais. Caso, tamén, dos aduladores do novo Rei que montaron un decorado artificial para aparentar unha aclamación popular na cerimonia de proclamación cos peores símbolos do pasado: Exceso policial, traxe militar, coche de Franco, saúdo na Praza de Oriente e prohibición de liberdades. Unha versión moderna de “O rei espido”. Mal comezo.    

 

A garota de Ipanema

Te puede interesar