Ciclogénesis corrupta

Hai unha morea de anos os mariñeiros do meu pobo cando en inverno chegaba o mar ata dentro do pobo por mor do vento chamábanlle temporal, hoxe “finamente” lle chaman “ciclogénesis”, son estes fervellasverzas que trocan o sentido do real por algo que non ten sentido. Por iso seguindo ese novo vocabulario o que está a pasar no interior do PP co caso Bárcenas, no deixa de ser unha “ciclogénesis” corrupta. Os secretos deixaron de selo e xa son a berros. Non encanto, o Sr. Rajoy fala de facer unha auditoría e os demais altos cargos do PP (en especial a Sra. Cospedal ) falan de “A mí no me consta”. Unha auditoría a quen e a que, ¿a caixa B?. Iso é como facer un cachifallo. O feito de que o Sr. Presidente diga que fará unha auditoría das contas do partido (por mor da corrupción) xa é motivo de dimisións en calquera democracia do mundo occidental, porén, vivimos en Españistán e iso é como un carafuncho emporcallado que levamos desde hai moitos anos. De confirmarse como parece, a veracidade destes carmeiráns, estaríamos falando de prácticas mafiosas semellantes ás de Al Capone no Chicago dos anos 30. Manda carallo na Habana, ou sexa, mentres o Sr. Rajoy e os seus furricallos do PP non deixan de pedirnos máis sacrificios con todos eses impostos, copagos sanitarios, privatización da sanidade e ensino e máis recortes; eles non deixan de repartirse dez mil euros cada mes. ¿E eses son os que vannos sacar da crise-estafa? Como imos a crer do que digan, se o mesmo Presidente xurou ante a Biblia o seu programa electoral e estafou a todo un pobo facendo todo o contrario. Unha posibilidade que teñen de saír con ben desta fedorenta barafunda é que, a Sra. Ministra Fátima Báñez lle pida á virxe do Rocío “templanza” e que lle faga un agasallo dunha medalla de ouro pagada co diñeiro dos contribuíntes. Se a Virxe alporízase e rexeita a medalla é que son corruptos, e se acepta é que so uns “bos nenos”. ¿Que fai o Fiscal Xeneral do estado?. Está de vacacións.

Ciclogénesis corrupta

Te puede interesar