Circula por aí a Volta Ciclista que ten previsto rematar en Santiago, o final do camiño, eufemismo obvio á par de lema turístico da capital galega. Arrancou no Sur, ao mesmo tempo en que frau Merkel veu compartir interese propagandístico con Rajoy. E mariscada, non só de xestos vive a clase política. Cunha axenda que é propia do tempo de vacacións, a mandataria europea comezou cun paseo polo Camiño a Compostela cargado de simbolismo. Nin é o principio, nin é o final. Escolleuse un tramo cómodo, para andar con zapato fino e sombra xenerosa, nunha fraga de eucaliptos. Especie arbórea foránea que ten colonizado boa parte do bosque autóctono. Metáfora das políticas que se impoñen desde institucións alleas ao propio. A reportaxe gráfica que se ofreceu desta breve camiñada é boa mostra da falsidade que agochan as imaxes. Para mostra un botón. Vemos á chanceler alemá en aparente conversa co presidente español. E digo eu, ¿como se entenderían si ela non fala o idioma de aquí e o anfitrión non fala o de alá?. Ben puidera ser que Rajoy estivera a recitarlle versos de Rosalía e ela escoitara con gozo. Porén, o Presidente fuxe do uso do galego, renegando na lingua da condición de tal. Seguro que foi un diálogo de xordos, propio da verdadeira relación entre eles. Delator é o retrato no que ambos mostran esa imaxe típica dos peregrinos en grupo, coa dúbida e discusión de si hai que escoller o camiño á dereita ou á esquerda. Claro é, tratándose dos citados protagonistas, a escolla é indiscutible: á dereita sempre. Aquí o que Rajoy ven mostrando é esa cara de non saber a onde levar o País que lle toca gobernar. A da Merkel, a dúbida da fiabilidade dun socio así. Preocupante. Aliviado co volta á casa da teutoa, unha vez arranxado o asuntiño da colocación do ministro De Guindos, responsable da economía española á que chegou co aval da quebra do Lehman Brothers, do que foi Director no territorio ibérico; agora toca preparar a outra volta. A volta á política activa. Novo curso que congregará á parroquia do Partido Popular á beira do muro feudal do Castelo de Soutomaior para repetir que a economía vai ben e o emprego, tamén. Ao estilo goobbeliano, as veces que cumpran ata que aceptemos “polbo como animal de compañía”. Mágoa da cruel realidade.