Herdanzas escollidas

C hegamos ao final do ano e con el o inverno, que tras unhas semanas de temperaturas pouco frecuentes para esta época do ano, comeza a manifestarse sobre todo a través das precipitacións. Baixan un chisco as temperaturas pero as trombas de auga aparecen, como sería o habitual neste tempo, en calquera vila da costa galega. 
Pois ben, sen pretender facer un parte meteorolóxico,farei unha reflexión sobre as consecuencias das nosas características climáticas. Nunha vila na que a choiva xa era choiva, antes de que a vila fose vila, vemos como en pleno século XXI tras unhas horas de choivas abundantes, comezan os asolagamentos nas estradas e nos edificios públicos. Estradas anegadas, arquetas brotando auga como se fosen mananciais, pavillóns con goteiras? Non, iso non son goteiras, iso son regueiros de auga que caen polas paredes e o teito...Pavillóns como o Castelao,  ao que o partido popular denominou como pavillón nº3, e o que tardou tanto en arranxar e inaugurar porque, segundo dicían, era para facelo nas mellores condicións e que non dera problemas. 
Exemplos como este poderiamos atopalos nos centros educativos, nos centros socioculturais, instalacións deportivas...O triste é que temos que ler e escoitar nos medios de comunicación a diario, aos representantes do partido popular gabándose  do seu bo facer e a súa boa xestión. Ou son eu, que non chego aínda a entender o que significa boa xestión, ou é que  a xestión foi boa para os bancos pero á xente non lle repercutiu, ou que non existiu tal xestión. 
Que en Vilagarcía non teñamos unha rede de saneamento pública preparada para a nosa climatoloxía,non é boa xestión; que os pavillóns e instalacións deportivas teñan como decorado de Nadal caldeiros, baldes e piscina incorporada, non é boa xestión; que os patios e as instalacións escolares teñan tamén este tipo de problemas, non é boa xestión. 
Se buscamos o significado da palabra xestionar atoparémonos con que para xestionar hai que darlle solución a algo, e o partido popular tivo catro anos nos que sobraron os problemas e faltaron as solucións. E agora nunha nova andadura, arrastramos a herdanza de toda unha lexislatura inoperante e volvemos ás botas de auga e ás gamelas para poder circular por Vilagarcía.  
Evidentemente, estes non son os únicos “bens” que nos deixan as políticas da “boa xestión” do partido popular, pero si as que ultimamente enchen as follas dos xornais e nas que se centran as queixas das cidadás e dos cidadáns vilagarciáns. En tan só un par de días de choiva, enchéronse as redes sociais de fotos e vídeos amosando o estado deficitario das diferentes infraestruturas. Rematamos o ano, recollendo a herdanza escollida por todos e cada un dos que hai catro anos, tivemos unha cita coas hurnas.  FELIZ 2016! 
*Concelleira do BNG en Vilagarcía.

Herdanzas escollidas

Te puede interesar