OUTRA VEZ LETICIA

D esta volta, Leticia , deixa de lado a súa situación persoal, para preocuparse pola dalgúns compañeiros e compañeiras. Pero sobre todo pola de Xián. Xián é un rapaz que vive na zona urbana de Vilagarcía e que a súa economía familiar se sustenta dun pequeno comercio que xa rexentaban os seus avós e que,a pesar de que nos últimos anos, a crise económica fixo que se tambaleara a súa situación, lograron resistir e ir saíndo adiante. 
Agora, tristemente, ve como a situación do seu comercio volve a estar en perigo por unha xestión do goberno do Partido Popular, que non tivo en conta os intereses das persoas e que puxo por diante interese económicos e capitalistas, coa que agora se enche de satisfacción o seu vocerio nos medios de comunicación.  
Xián está angustiado, porque sabe que se se chega a instalar unha grande superficie comercial, como pretendía o partido popular dende hai un par de anos, o comercio que con tanto sacrificio sacaron adiante varias xeracións da súa familia, verase abocado ao peche. Como consecuencia, os ingresos na unidade familiar desaparecerán e a probabilidade de que el e a súa irmá poidan seguir estudando, verase reducida á mínima expresión. E a pesar de que levan moito tempo querendo facer ver, que os rapaces e as rapazas novas, non teñen inquietudes,como Xián, son moitos os que queren estudar e formarse.
Leticia cóntame como onte chegou á clase, cheo de rabia e carraxe despois de ver nos xornais como, trala desestimación do recurso da asociación de comerciantes Zona Aberta por parte do Tribunal Superior de Xustiza, o señor Tomás Fole, sae alardeando do seu “bo facer” na xestión dos terreos de Megasa e criticando, que dende o actual goberno municipal, xunto coas outras forzas políticas da esquerda, se barallen todas as opcións legais posibles para defender a eses centos de persoas, que ao igual que Xián, viven do pequeno comercio. 
Dime que lle sorprende que sexa agora el, quen demande que se lle explique aos cidadáns e cidadás, que suporía unha modificación puntual e a suspensión de licenzas, cando foi o Partido popular quen durante moito tempo, negociou ás agachadas (sendo consciente da relevancia que tería e do prexudicial que resultaría) a construción da área comercial. 
Desgrazadamente, Xián sabe que a súa loita ve cada vez máis mermada a posibilidade de saír victoriosa e comeza a pensar na mobilización social como medida de presión. Pensa que se ninguén merca nesta área o pequeno comercio sobrevivirá. Leticia dime que iso é case imposible, pero que polasúa parte non vai quedar. Remata a súa conversa dicíndome que a frase que máis escoita a estes compañeiros  é: “xa bastante dano nos fixeron as grandes cadeas, como para que agora nos monten outro centro comercial”. 
Acabada a conversa, quedo con sentimentos encontrados: Ledicia de saber que os mozos e mozas non se conforman e son conscientes e consecuentes, e tristura de ver como unha vez máis, é a clase traballadora a que acaba pagando as consecuencias de políticas neoliberais e capitalistas, que pretenden converter a nosa vila nunha macrocidade ao estilo norteamericano, deixando de lado o noso comercio local e provocando a deshumanización do núcleo urbano. 
Dende aquí, volvo a dicirlle a Leticia, que nós, seguiremos loitando polo noso e en contra das políticas que pretenden eliminar a nosa esencia e identidade propia, e que ademáis, poñen en risco moreas de postos de traballo. Que esgotaremos todas as vías posibles para a súa defensa. Por iso,agora que veñen estas datas, nas que o consumo se dispara, faremos as nosas compras no pequeno comercio e incentivaremos a que toda a xente o faga. Que intentaremos crear conciencia do importante que é a nosa actitude como consumidores, para que todos sexamos conscientes do que estamos poñendo en perigo cando mercamos nas grandes cadeas ou áreas.  A todas e todos os Xiáns, moito ánimo! 
*Concelleira do BNG en Vilagarcía.

OUTRA VEZ LETICIA

Te puede interesar