Cuestión de conciencia

C omezamos un novo ano e, como ven sendo habitual, todo o mundo fai balance da andadura do que xa rematou. Algúns fan autocrítica  e outros dedícanse a facer xuízos de valor no sitio de desempeñar as súas funcións, como partido que conta cunha liberación nas súas filas. 
Pois ben, nós tamén imos a valorar o noso traballo neste ano que rematou e a intentar deixar claro, que para o Bng, por encima de calquera cuestión política, están os intereses das cidadás e dos cidadáns. 
Nun ano, onde nos enfrontamos a dous procesos electorais en cuestión de sete meses, tendo como resultado a intención de cambio no voto da cidadanía e a perda de votantes do Bng, a diferenza de outros, somos capaces de aceptar a decisión do pobo e facer propósito de enmenda. 
Dende a miña curta experiencia na primeira liña de combate,e dende o cambio de goberno local, podo afirmar sen ningunha dúbida, que probablemente teremos cometido erros, pero non debido a ter pactos nin acordos con ninguén. Podemos estar en acordo ou desacordo coas propostas ou as políticas das distintas organizacións, pero en todo momento antepoñemos as solucións aos problemas das veciñas e veciños a cuestións de rendibilidade política.  
Levamos tempo tendo que escoitar ao Partido Popular dicindo que  hai un goberno de bipartidismo PSOE-BNG, que  temos un pacto co PSOE... Ben, cando menos, resulta anecdótico (por dicilo dalgunha maneira) que sexa precisamente o PP, que si ten un pacto de goberno co PSOE, quen nos acuse diso.  Pode ser que nos equivocaramos ao intentar que se parase a asfixia que estaba a provocar o “catastrazo” imposto polo PP, ou intentando dar unha solución inmediata á necesidade imperiosa dun novo centro de saúde, ou en non saír defendendo coa forza suficiente o traballo feito polo BNG no Concello; pero, en todo caso, serían erros cometidos, froito da mellor das intencións e do traballo desinteresado, e pensando na mellora da situación do noso Concello e os seus veciños e veciñas. Durmimos moi tranquilos porque ninguén nos pode dicir que chegamos a acordos co goberno nin con ninguén a cambio dunha liberación, ou o que ven sendo o mesmo, dun soldo; e porque traballamos diariamente (con máis ou menos acerto) para levar os problemas de todas e todos ao concello intentando buscar melloras e solucións. 
Mellor nos iría, se en vez de mirar tanto cara ao traballo dos demais, nos dedicáramos a desempeñar o noso traballo levando as iniciativas correspondentes ás inquedanzas e problemáticas (que non son poucas) da sociedade vilagaciá a onde temos que levalas e intentando así resolver os problemas, e máis, cando recibimos un salario precisamente para iso.
Dende o Bng, seguiremos buscando solucións e non propaganda política,chegando aos consensos que consideremos oportunos para o ben da cidadanía.! 
*Concelleira do BNG en Vilagarcía.

Cuestión de conciencia

Te puede interesar