Modernidades diverxentes

|

"Modernidades diverxentes”, na Fundación Luis Seoane, fai un percorrido pola pintura de Luis Seoane, dende 1948 a 1955, unha etapa que coincide coa publicación da revista VER Y ESTIMAR, dirixida por Jorge Romero Brest, coa que én colaborou, e que puxo no taboleiro a polémica abstracción-figuración; un debate no que, como salienta Pablo García Martínez, comisario da mostra, Luis Seoane se decanta por ser fiel ao compromiso humanista e seguir tendo por eixo da súa obra á figura humana, para non caer nun intelectualismo xeométrico ao xeito de Malevich, que considera demasiado alleo as preocupacións da xente.


Non obstante é posible ver, nas obras expostas, unha crara evolución dende os cadros de 1948:” Mulleres montañesas”,” O pastor” e “Figuras de lenda”, nos que a figura humana aínda é tratada conforme a regras naturalistas e conserva a dicotomía fondo-figura, ata os cadros da última etapa do período, como “En el parque”, nos que aparece xa unha crara simplificación das formas e o carácter bidimensional do plano é posto en valor.


O mesmo Seoane expresábase así, verbo desta antítese entre abstracción e figuración, en “Anotaciones sobre la creación artística”, recollidas no libro “Pintura actual en Galicia”, de Editorial Galaxia (1951): “Utilizo valores abstractos en mi pintura figurativa para conseguir nuevas posibilidades expresivas”. Entre estes valores están o uso de planos de cor uniforme, as liñas negras perfiladoras das figuras que deveñen case en emblemáticas e os hiatos e cortes nos contornos das formas que lembran as teses da teoría da gestald. Acada así unha maneira sintética, mui persoal, que hoxe nos fai recoñecer na súa pintura a irrepetible marca Seoane. Así o manifestaba Blanca Stábile na crítica que lle dedica encol da súa mostra da Galería Bonino, en 1954 ”Pocos artistas nos brindan un equilibrio tan maravilloso entre las fuerzas emotivas y pensantes de la creación; y pocos nos anuncian de manera tan promisoria un florecimiento de formas plásticas por los caminos de la abstracción”.


Desta maneira, o seu imaxinario que se nutre, sobre todo, das lembranzas das xentes e paisaxes de Galicia, sen perder esa forte raiz, enriquécese de valores simbólicos dándolle unha dimensión universal ás cousas de noso, como por exemplo no cadro “Muller muxindo”, no que dona e vaca prefiguran unha potente e singular imaxe, en clave galaica, do mito da magna mater.


Catro serigrafías de 1954, que representan a unha moza cos zocos na cabeza, paisanos coas tradicionais capas de palla, labregos levando unha vaca e tres campesiñas con apeiros de labranza e unha ovella nos brazos, acreditan da síntese iconográfica acadada.


Seoane non refugou os valores plásticos defendidos polas vangardas e os movementos renovadores, senón que soubo integralos nun grafismo plano de esquemas persoais e cores planas, pero tendo sempre por inspiración un sentimento de radical galeguidade, do que abstrae paradigmas e arquetipos que abrollan do noso imperecedeiro manantío. Diso acredita esta mostra.

Modernidades diverxentes