A simboloxía da impunidade

Lembremos que a impunidade é unha excepción de castigo ou escape da sanción que implica unha falta ou delito. Moito máis se falamos dos crimes de lesa humanidade. No ámbito internacional dos dereitos humanos, situamos esa figura, a impunidade, diante da oposición que impide xulgar aos responsábeis de crimes de guerra causando con iso unha negación as súas vítimas, da reparación á que teñen dereito. 


Polo mundo adiante son situacións que van parellas a sistemas pouco ou nada democráticos nos que abonda corrupción e situacións de inmunidade para persoas e institucións que están protexidas por xurisdicións especiais. Un fenómeno de facto que se ten dado no marco da chamada Transición política española coa que se blindou, na realidade cotiá consecuente, dun inmoral pacto de “punto e final” con amnistía para os autores criminais de delitos puníbeis, dende a catalogada como guerra civil e perante a ditadura seguinte.


Así e todo, fronte a inxustiza intolerábel que isto representou para as vítimas, nada a ver coa proclama do “espírito de reconciliación e concordia, e de respecto ao pluralismo e á defensa pacífica de todas as ideas” que declaraba buscar a convivencia integradora nun sistema social e democrático de dereito, a memoria das vítimas ficou na iniciativa social e cívica, até que chegou ao Congreso para asumir que “ninguén pode sentirse lexitimado, como ocorreu no pasado, para utilizar a violencia coa finalidade de impoñer as súas conviccións políticas e establecer réximes totalitarios contrarios á liberdade e dignidade de todos os cidadáns, o que merece a condena e repulsa da nosa sociedade democrática”. Declaración que sumada a condena do franquismo emitida polo Consello de Europa no que se denunciaron as graves violacións de Dereitos Humanos cometida no Estado español entre os anos 1939 e 1975, cimentou a Lei 52/2007, pola que se recoñecen e amplían dereitos a favor de quen padeceu persecución ou violencia no franquismo, promovendo a súa reparación moral e a recuperación da súa memoria persoal e familiar, adoptando medidas complementarias destinadas a suprimir elementos de división.


Símbolos e monumentos públicos para os que “as Administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”. Artigo e lei, en proceso de novación, que é puro papel mollado.


Por iso, é moi necesaria e politicamente útil, a iniciativa municipal que impulsa o BNG en Vilagarcía para rematar de vez con esa impunidade de facto sobre os crimes do franquismo que se expresa na simboloxía de fachadas, estatuas e rueiros da localidade. Para facer que se cumpra o mandato legal da memoria histórica democrática en favor das vítimas. Unha obriga ética e de lei.

A simboloxía da impunidade

Te puede interesar