Por que falamos de saúde mental?

Galicia é o primeiro lugar de España en consumo de ansiolíticos. En Galicia falecen cada ano o dobre de persoas por suicidio que en accidentes de tráfico, sendo a comunidade autónoma cos peores datos da última década. Se aínda non lle da o frío suficiente con esto saiba que a espera media por unha cita no sistema público de saúde son 4 meses, para unha sesión que non chega a unha hora. E, por se non chega con isto, párese a pensar que existen centros psiquiátricos públicos onde hai anos, moitos anos, décadas, que existen persoas internadas sen que exista outra solución para elas e que un órgano chamado Mecanismo Nacional para a Prevención da Tortura alertou de problemas “gravísimos”. Si, en Galicia, ano 2021.


A realidade da saúde mental é que termina sendo unha irmá pequena da sanidade, un espazo gris do que non queremos falar. Un pode romper unha perna ou ter un infarto, pero parece que non temos dereito a sentirnos mal sen explicación ou a ter un problema emocional. A culpa, ao final, será de quen o sufre porque unha taza de café ou algúns gurús de youtube cóntannos esa milonga de “se queres, podes”. A saúde mental culpabiliza a quen a sufre, e aínda existe neste país quen encerra a un familiar de por vida na casa coma se fose unha radio defectuosa que vai ao trasteiro.


A realidade, no día a día, é que se alguén decide dar o paso de acudir a unha psicóloga (como a un dentista ou a unha fisioterapeuta) a vostede nunca lle virá a cabeza que será na sanidade pública. Dúas de cada tres persoas que terán na súa vida un problema de saúde mental non serán atendidas no sistema público. Por que? Porque Galicia é a comunidade de España con menor número de profesionais de saúde mental na sanidade pública. É, de facto, sistema privatizado. Isto pervirte o sistema, porque os dereitos que so se poden obter con cartos non son dereitos, son privilexios.


Por iso falamos de saúde mental, aínda que estes días fose porque houbo un político impresentable no Congreso querendo mofarse disto. Por iso en Galicia hai anos que existen profesionais que queren darlle voz aos problemas, colectivos como o Movemento Galego pola Saúde Mental moi implicado en reivindicar melloras, asociacións de familiares de pacientes e políticos que (permítanme) levamos anos berrando contra paredes xordas que son imprescindibles máis recursos e que chegamos tarde. 

Por que falamos de saúde mental?

Te puede interesar