Fascinación polo solpor

Solpor, substantivo masculino, é expresión da hora en que o Sol se pon. En verdade o astro rei non se pon nunca, a realidade é que o planeta Terra que habitamos xira arredor de si dando unha volta completa cada día, polo tanto a referencia correcta sería só sobre o feito de ocultarse no horizonte visíbel para o ser humano que ollase ese fenómeno diario recorrente. A fascinación deste feito natural tivo, e aínda ten coa súa variante de experiencia turística, unha grande atracción que, con certeza, debeu influír no camiñante medieval que á par da súa longa viaxe a Compostela, peregrino na fe católica que procura salvación das almas, tamén sumaría esa atracción irresistíbel pola visión da posta do Sol no mítico territorio considerado a Fisterra romana.


Solpor, aspecto atraínte no positivo, vai por camiño ben diferente a do seu sinónimo, crepúsculo, que aínda que é de utilidade dual para sinalar a claridade que se dá, tanto no raiar como ao alborexar, e aínda tamén pouco despois do solpor, antes da noite, na percepción do vocábulo leva implícita esa lousa negativa do seu significado figurado: O proceso de deterioración dunha situación ou estado cara a súa ruína ou destrución. Ocaso, momento en que un astro, en particular o Sol, descende e se oculta tras o horizonte; tampouco é palabra de valor positivo.


Velaí, a grande expectación que se produce nas terras norueguesas do Cabo Norte, arredor do chamado “Sol de medianoite”, coa luz de día perpetua, foco de mobilización para milleiros de persoas como reclamo turístico de masas que fai dun fenómeno natural un gran negocio. Unha referencia que serviu ao Consello da Cultura Galega para promover unha reflexión arredor do potencial turístico da Costa do Solpor galega que, desde o equinoccio da Primavera e perante un mes, fai que o espazo territorial da costa situado entre o Cabo Touriñán e Fisterra, coa bendición do Monte Pinto que ten unha máis grande visión no horizonte, sexan o derradeiro lugar continental europeo de posta do sol polo efecto físico da rotación da Terra, na súa inclinación a respecto do Sol, aínda que o punto máis occidental é o portugués Cabo de Roca. De feito, na evolución anual, en concretos días do ano, existe unha coincidente aliñación deste solpor en saíntes da costa norueguesa, africana e da Costa da Morte que deberían ser obxecto dunha irmandade atlántica.


É unha alternativa de turismo de divulgación científica, novo modelo sostíbel de experiencias baseado na natureza e na historia da ciencia e do patrimonio. Destino para crear produtos turísticos de marca singular que teñen en Galiza infinidade de recursos inigualábeis agardando pola iniciativa e o respaldo institucional. Só precisan mirar na traxectoria foránea que leva vantaxe. Promocionar ciencia como marca da calidade do territorio galego. Da natureza como ben público.

Fascinación polo solpor

Te puede interesar