Civilización dixital

O conxunto dos caracteres propios da vida material e cultural dun pobo ou dun período determinado na historia da sociedade sempre foi catalogado polos cronistas como civilización. Por veces, iso produciuse de xeito traumático con mudanzas radicais entre os tempos anterior e posterior ao inicio da nova era. 


Máis aínda, aceptase como criterio máis popular que a cultura entrante na liña evolutiva é un conxunto de caracteres levado a un alto grao de desenvolvemento. Por iso, está a impoñerse o rótulo de Civilización Dixital para cualificar ao actual momento da humanidade inmersa nas remudas de xeitos de traballar, relacionarse entre as persoas e de ver a implantación de mecanismos tecnolóxicos que levan a robotización dos procesos de produción e promoven unha dependencia individual acusada dos poderosos centros de control económico das redes de información e da comunicación cibernética polas redes da internet que, nunha paradoxal contradición, non supoñen precisamente un máis grande coñecemento crítico, todo o contrario.


Repto para a reflexión que aborda a Aula Castelao de Filosofía, conxuntamente coa Universidade de Vigo, no marco da Semana Galega de Filosofía, en curso de celebración, xuntando no Teatro Principal de Pontevedra a boa parte das personalidades académicas que mellor poden prender luz para ver características, mecanismos ou efectos do momento na súa proxección de futuro. Oportunidade que se abre ao mundo coa retransmisión en liña dos relatorios que se inauguraron coa intervención de Albino Prada na que abordou a “crítica do hipercapitalismo dixital” sinalando esa dependencia pola “que permiten que moi poucas empresa e grupos de inversión controlen e modifiquen a escala global as formas de produción e de distribución de riqueza do vello capitalismo industrial e financeiro”, exemplificadas en casos ben coñecidos de emporios de “control global da publicidade ou dos canais de distribución, da xeración de novos procesos e produtos para un mercado global as 24 horas do día”. Cun poder de mercado que se impón aos axentes tradicionais, sexan empresas ou gobernos, disolvendo as formas salariais e as relacións laborais, posibilitando o que é un total cativerio neoliberal. Reparou na estratexia xaponesa, comunidade humana do máis alto nivel de implantación tecnolóxica, que procura dar prioridade ao emprego de calidade e á atención persoal ao tempo de facer un uso racional das modernas técnicas industriais “porque unha sociedade que, afortunadamente, pode xerar a cada paso máis riqueza con menos traballo directo, non deberá aceptar que iso se traduza en multimillonarios por unha banda e crecentes moreas de excluídos, inmigrantes e precarios por outra”.


Unha sesión de parladoiros nos que tamén se falou “do colonialismo tecnolóxico á fenda dixital” en Galiza; dos efectos da minaría, no contexto da emerxencia climática, á procura de extraer materias naturais para os aparellos móbiles. É algoritmo da vida cotiá que trae malestar. Abofé, si.

Civilización dixital

Te puede interesar