20 anos non é nada

Unha persoa sabia e ben coñecedora da realidade deste recuncho do mundo contábame con sorpresa aquela vez que naceu Diario de Arousa, hai xa 20 anos, que esta comarca tiña moita atención mediática. 


Varias cabeceiras con identidade local, desconexión local de radio referente, televisión...e dende aquela aínda creceron en número as atencións, e os novos formatos entraron con forza. Hoxe existen multitude de formatos para ter información sobre a nosa comarca. Tantos que a cousa pasou de ter que rebuscar a información a ser capaz de seleccionar a boa.


A realidade é que Arousa, que é un nome que a min gústame máis que O Salnés, ten unha identidade e, como tal, medios de comunicación que lle adican atención. Diario de Arousa é xa unha cabeceira necesaria, sempre grazas ao traballo esforzado das persoas que fan posible que saia cada día a rúa nun mundo, o periodismo, que vive en precariedade permanente dende hai xa demasiado. Os que temos unha relación especial cos medios tratamos de ser conscientes de que, pese as nosas sempre habituais tendencias a matar ao mensaxeiro, o periodista non é o problema, aínda que si pode ser a solución. 


Porque un sabe o que pasa a diario en Madrid, dende onde nos explican rúa por rúa cada tenda e cada incidente. Pero o importante que pasa aquí non o vai contar ninguén se non fora polos medios e periodistas que, cun nivel exquisito, fan que cada mañá saibamos da realidade máis próxima.


Somos máis dependentes do que pensamos sobre o que pasa na praza de Fefiñáns, en Fexdega , na lonxa de Carril, na praia da Lanzada, no Xufre, en Armenteira ou en calquera rúa desta terra.


Por iso é imprescindible o periodismo de proximidade, o que conta as historias do día a día sabendo, informando, coñecendo e palpando a realidade. Por iso é necesario contar con periódicos que teñan a ambición de mellorar, de achegarnos as nosas realidades.


Ao final trátase de que a nosa xente conte o que pasa na nosa terra. E resulta imprescindible que exista quen o conte, e que o conte ben. Co interese de informar e de ser parte da sociedade, e non como ferramenta para influír, beneficiar ou condicionar. Para todo iso é necesario o periodismo de mirada honesta. Para que defendamos ó país, á xente, aos valores e avances conqueridos. Para que poidamos, como decía o periodista García Márquez, “facer futuro a pesar dos ruíns do pasado e dos sabios granuxas do presente”.


Desexando que cada mañá exista un lector ou lectora máis, vaia hoxe o agarimo e profundo desexo de máis e mellor periodismo. Máis e mellor Diario de Arousa. Porque sen periodismo non se fala das cousas, e as cousas das que non se fala deixan de existir. Porque sen periodismo non hai información, e sen periodismo non hai democracia. Grazas, parabéns e a pola segunda tanda de 20 anos!

20 anos non é nada

Te puede interesar