Menos Google e máis ciencia

Pepe estivo hai pouco tratando de comprar un coche novo. Como é moi mirado para case todo, pasou semanas ollando en internet e aprendendo sobre marcas, modelos, motores, seguridade e todos os artefactos que poden ser de interese. Pepe é farmacéutico, e temos un outro amigo común que é mecánico, pero como o orgullo e a autoestima teñen estas cousas, seica non lle preguntou.


No concesionario quixeron contarlle as vantaxes do vehículo, pero incluso explicábanlle que habería outros que se lle adaptaban mellor. De feito, algún deles máis barato. Pero Pepe, que para algo invertira tanto tempo e a súa inxente intelixencia, dicíame polo baixo que xa lle advertira seu cuñado, que é avogado pero sabe moito de coches, que ían querer colocarlle os que non daban vendido, ou aqueles aos que lle sacaban máis beneficio, ou algunhas outras conspiracións que eu non escoitei ben pero ás que decidín contestar moi convencido e dándolle algunha palmada na espalda.


Para cando Pepe xa lle estaba explicando ao do concesionario como tiña que facer para venderlle a outra xente, eu miraba para fora con ansias de fuxir despavorido. Relatou centenares de características do coche que quería, ensinouno como se estivera nunha feira, e o vendedor deixouno falar ata o final. Só entón, con cara resignada, dixo que todo eso que contou non tiña nada que ver e que estaba describindo outro modelo doutra marca. Furioso por ferir o seu orgullo, Pepe fixo coma se nada, díxome “este non ten nin idea” e decidiu comprar igualmente. Ao final, o colega ten un coche que non necesita e que lle vai a saír máis caro, pero por suposto el sigue convencido de ter sido o máis listo do pobo.


A vostede, e a min, pódenos pasar igual coas vacinas, os trombos, os efectos, as doses e as porcentaxes de inmunización. Pode ser que creamos saber o suficiente, pero eu diría que os mellores expertos do mundo son suficientes para decidir ante unha pandemia e que, aínda que eso lamine o noso orgullo, difícilmente vai aportar algo a nosa opinión lida nalgunha noticia construída con menos acerto que as montañas de xoguetes que apila miña sobriña.


Os que saben, vacínanse sen dubidalo. Os que non sabemos, con máis razón aínda, debemos escoitar e logo vacinarnos. 

Menos Google e máis ciencia

Te puede interesar