lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Deporte, espectáculo e clasismo

Hai moito tempo que a élite de certos deportes, especialmente o fútbol, deixou de ser puramente deporte e converteuse nun negocio baseado no espectáculo (ou o que se pretende que sexa espectáculo). Non é de agora. E, aínda máis, son espectáculos menos respectuosos co público que outros, porque ninguén entendería pagar no teatro sen saber os actores que traballan na obra pero eu podo deixarme 80 euros en ver un partido do Celta pero que ese día non xogue Iago Aspas ou, incluso, o equipo decida xogar ao empate.


Dende un tempo atrás perdín moita afección polo fútbol en favor doutras actividades e algo de baloncesto (que vai por un rego parecido aínda que con diferencias). Certo é que non hai moito vin un partido completo (non lembro canto facía) e non recoñecín a moitos xogadores. Se cadra aburriume que os resultados sempre son os mesmos e que dependen case unicamente dos presupuestos, que as diferencias entre equipos fagan todo tan aburrido, que o circo mediático montado ao redor sexa fedorento ou que unha camiseta que vale 15 euros multiplique por 10 o valor se leva etiqueta oficial. Adoro o deporte, abúrrenme certos shows.


Sinceiramente impórtame ben pouco se hai superliga ou supercopa. Pero non acabo de entender esta fulgurante obsesión porque isto sexa noticia do mes, que varios gobernos opinen, que xuíces ansiosos por un titular e un carné de socio regalado resolvan en horas sobre fútbol cando hai casos graves que pasan anos nun xulgado… O fútbol ou o baloncesto de élite son empresas, e decidirán como tal. Como tamén o son a UEFA que fai torneos europeos en Arabia (antes en Xapón), a FIFA que fai mundiais en Qatar, a NBA que despraza equipos a competir a Londres ou París ou a ACB da que algúns anos non descende ninguén aínda que queden últimos.


Descubrir agora que isto é un puro negocio e, aínda máis, manifestarse para defender algún deles en vez doutros, non me parece defender aos aficionados ou “ao pobo”. Hai tempo que non son pobo. Porque non hai maneira real de que o Xuven chegase á ACB ou o Arousa a Primeira División. Hoxe, iso, é imposible. Ese deporte é todo clasismo así que permítanme que critique que, ao final, parezamos estar debatendo sobre que tipo de clasismo queremos. Eu non aprecio ningún. 

Deporte, espectáculo e clasismo

Te puede interesar