Abril de lume e ferro

Abril de lume e ferro, metáfora elevada a título de obra teatral para honra e memoria dos Mártires de Carral, escrita por Manuel María a mediado dos anos setenta, laureada no certame teatral de Ribadavia dese ano, a súa vez premiada como guión cinematográfico no desaparecido grupo “Nós”, daquela creado, como xermolo pioneiro, para desenvolver un cinema galego que agora acada xa dimensión mundial, tardou quince anos en ver a luz en formato impreso grazas precisamente ao Concello de Carral onde se desenvolveron os tráxicos sucesos da Revolución Galega de 1846, a xeito de acto final, lembranza do fusilamento sumarísimo e vingativo da oficialidade militar rebelde, que na realidade obrou como “semente de futuro” no impulso da conciencia política do propio, do actual nacionalismo que na época nomearon provincialismo, un ideario ben expresado polo poeta autor da obra: “Galiza é o empeño máis fermoso, o pulo transcendente máis cabal, un ideal vivo, virxe e poderoso, unha esperta conciencia comunal”.


Velaí, agora conmemórase o 175 aniversario, ocasión na que resulta de obrigado compromiso pór en valor o coñecemento da historia real do País, intencionadamente agochada ou deturpada no importante polos poderosos, por sorte divulgada a través dunha publicación da Fundación Galiza Sempre para “recuperar unha parte da nosa memoria colectiva máis silenciada, con fin de proxectar no presente a dignidade e sacrifico de pasadas xeracións que, dun xeito ou doutro, deron a súa vida pola causa da liberdade de Galiza e a construción dunha sociedade máis xusta”. Para facer pedagoxía do levantamento galego, cívico e militar, que se condensa na declaración da Xunta Superior de Goberno da Galiza, convertida no executivo rexedor do país durante semanas, que deixaron claro os obxectivos políticos do momento, sinalando que “Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente a engrandecer o antigo reino de Galiza, dando proveitosa dirección aos numerosos elementos que atesoura no seu seo, levantando os cimentos dun porvir de gloria”. Só queremos ser galegos.


Abril, mes que tamén recorda a portuguesa Revolución dos Caraveis, foi naquel tempo histórico unha fiestra de afirmación do propio no fervor popular dun apoio, estendido polas cidades e vilas galegas, que rematou por ser duramente reprimido coa actuación cruel das tropas enviadas polo goberno centralista ás que se afrontou resistencia, finalmente derrotada na Batalla de Cacheiras ou nas rúas compostelás; e capítulo derradeiro fronte ao pelotón de fusilamento, o 26 de abril.


Efeméride que Vía Galega trasladou ao monumento dos “mártires da liberdade”, no compromiso de que “Galiza é, dende agora, chama acesa, un agromar de papoulas a florir, unha fouce xigante, unha promesa, unha vontade absoluta de porvir”. Palabra poética de reivindicación e identidade. 

Abril de lume e ferro

Te puede interesar