Velaí vén outro 17 de maio, festa solemne das nosas letras; e por extensión, tamén da lingua que nos dota de personalidade de seu no ámbito mundial. Día de festa e reivindicación que continúa a ser necesaria para conquistar o elemental e básico dereito a vivir en galego todos os días do ano, obxectivo tan xusto como afastado da realidade resultante da política lingüística do actual goberno do País coa que leva causado un indiscutíbel retroceso nos niveis de uso cotiá do idioma, especialmente grave no ámbito infantil e xuvenil ou das contornas urbanas; aspecto este que ficou claramente evidenciado non recente informe do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, un rigoroso estudo científico que suma alerta a outros xa coñecidos de institucións académicas e culturais que veñen reclamado a urxencia de mudar o rumbo para garantir o futuro do idioma galego, a nosa lingua distintiva do patrimonio cultural que nos fai únicos no universo.
Por iso, nesta data relevante conflúen a promoción dunha figura no Día das Letras, a de Xela Arias, que representa a unha xeración que se integra na cultura galega desde o urbano, desde as novas formas estéticas que representan as tribos deses ámbitos das vilas e cidades, da cultura musical daquela movida viguesa que foi quen de integrar o galego nas súa expresión para exportalo alén dese imaxinario “muro de grelos” psicolóxico e cultural que nos separa dos círculos da meseta centralistas no territorio estatal. Xela, na que tamén é relevante loxicamente a súa obra poética e de creatividade literaria noutras formas de expresión, á par da súa achega como tradutora e mesmo como parte da industria editorial, toma o relevo de Carvalho Calero cargando coa cruz dun persoeiro incómodo pola súa defensa da busca dunha integración idiomática, especialmente normativa, no ámbito das comunidades de lingua galego-portuguesa; e do mesmo xeito ao ferrolán, magoada pola dificultade de realizar máis actos de promoción da súa obra por causa da pandemia sanitaria do Covid-19 que xoga a restar foco de atención pública e social.
Lousa, a da obrigada limitación de aforo para evitar contaxios co virus, que tamén condicionará a convocatoria de A Mesa pola Normalización Lingüística para reclamar, un ano máis, o dereito a vivir no idioma propio que só e legal na formalidade, porén está impedido na práctica de multitude de organismos, entidades e sectores sexan do ámbito privado como inxustificadamente no público. Un convite arredor da emblemática Catedral compostelá que é celebración para saber do compromiso parlamentario que, por unanimidade dos grupos políticos, asume o apoio a Iniciativa Xabarín, unha proposta para crear unha canle especializada na TVG, con programación dirixida ao público infantil e xuvenil, dispoñíbel en todas as plataformas de contidos audiovisuais; incluídos programas e xogos atractivos para este sector de audiencia aos que engadir contidos educativos de produción galega.
Proposición que vai aínda moito máis alá. Unha de cal para a lingua galega.