A mocidade, o futuro da comarca e do Diario

A mocidade, o futuro da comarca e do Diario
Belén Aragunde é de Vilanova aínda que ten unha estreita relación con Vilagarcía, onde estudou dez anos no conservatorio de música | Cedida

Belén Aragunde Canabal, naceu en Vilanova de Arousa o día 3 de xaneiro do ano 2001, pero considérase vilagarciá de adopción. Alí estudou durante dez anos no conservatorio de música e ademais forma parte da asociación O Soño de Lilith. Cando apenas tiña un mes de vida, o Diario de Arousa estaba a ultimar a súa posta de longo para saír aos quioscos o 24 de febreiro.


Belén forma parte da chamada xeración Z, mozas que creceron con internet e as redes sociais forman parte do seu día a día, por iso resulta importante que a prensa escrita, a tradicional, en papel, dea o salto a internet para chegar tamén aos máis novos.


Belén Aragunde creceu acompañada das noticias do Diario de Arousa en papel, aínda que agora, coas novas tecnoloxías, acude máis á web e ás redes sociais.


Naciches no 2001 como o Diario de Arousa, consultas habitualmente o xornal para informarte do que acontece nas nosas comarcas?
Eu son un pouco máis de enterarme polas redes sociais porque entras en Twitter ou Facebook e xa che salen todas as novas dos periódicos e as últimas horas, así que eu no meu día a día son máis diso.
Pero tamén é certo que na miña casa son máis de xornal en papel, sempre hai un na nosa casa. Ademáis, meus pais teñen unha librería en Vilanova de Arousa e eu crieime entre xornais, revistas, libros... Así que cando estou na casa consulto moito o Diario de Arousa porque está sempre enriba da mesa da cociña.


Crees que ter un xornal local, que se centre en Arousa, favorece a dar voz aos nosos veciños?
Paréceme bastante importante, porque hai noticias que afectan aos veciños que igual non se contarían nun xornal máis xenérico para un territorio máis grande. De este xeito entéraste das cousas que lle pasa á xente que tes preto.
Por outro lado, penso que algo que marcaría a diferencia sería comezar a publicar en galego porque agora mesmo non hai case nada de prensa na nosa lingua e, cada vez é menos, pero hai unha parte da mocidade á que nos preocupa o moito que se estea perdendo o noso idioma.


“Meus pais teñen unha librería en Vilanova e eu crieime entre xornais. Na casa, o Diario sempre está enriba da mesa da cociña“ 



Pertences a unha asociación que loita pola igualdade, que che parece o trato que se dá no Diario de Arousa á loita feminista?
É certo que actualmente hai moitos xornais que son demasiado subxectivos para mal, para o meu gusto, á hora de contar algo relacionado co feminismo, pero non é o caso do Diario de Arousa, gústame como se trata. Sempre hai un oco para contar o que faga falta e creo que se lle da un bo trato.

En que está inmersa actualmente a asociación O Soño de Lilith?
O maior proxecto agora mesmo é o Festivala, e me parece marabilloso. Eu xa ía antes de coñecer á asociación, no ano 2016, e empezaba a sumerxirme no feminismo. Encantoume porque está todo feito por mulleres, solo cantan mulleres, e fíxome ilusión a primeira vez que descubrín o festival.
O Soño de Lilith o que busca é achegar a todo o mundo o feminismo, que os nenos o coñezan dende pequeniños, que se plantexen cousas é lle den voltas á cabeciña con todo este tema.


Aos seus 20 anos participa na vida activa da comarca formando parte da asociación feminista O Soño de Lilith. 



No Diario de Arousa estamos a botar unha ollada atrás para lembrar momentos relevantes dos últimos 20 anos, sorpréndeste con algunhas noticias?
Agora as cousas se tratan con outra perspectiva. Antes había un caso de violencia de xénero e nese matrimonio non te podías meter. Agora está bastante máis normalizado axudar ás vitimas é dicir “non estás sola”.
Aínda queda moito por facer, pero nos últimos 20 anos cambiou bastante o conto, polo menos nese aspecto, que é moi importante. O compromiso que ten agora bastante máis xente coas vítimas da violencia é brutal. Vense noticias todos os días, que por un lado é unha tristeza moi grande, pero polo menos se está fancendo un reconto, que antes non o había.
Así que valoro moito o voso traballo, que estedes ao lado das persoas e informedes día a día do que acontecen. Deséxovos toda a sorte do mundo e felicidades polo voso vinte aniversario.

A mocidade, o futuro da comarca e do Diario

Te puede interesar