Os proxectos do lavadoiro de Artes e o miradoiro de Pedra da Ra, finalistas na Bienal de Arquitectura

Os proxectos do lavadoiro de Artes e o miradoiro de Pedra da Ra, finalistas na Bienal de Arquitectura
O lavadoiro de Artes trala rehabilitación feita por Carlos Seoane | cedida

A rehabilitación do lavadoiro de Artes e a mellora da accesibilidade no miradoiro de Pedra da Ra, ambas proxectadas polo prestixioso arquitecto Carlos Seoane en Ribeira, acaban de ser seleccionadas como finalistas da XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, convocado polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana en colaboración co Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España.
Deste modo, a cidade é o único municipio que consegue meter dúas actuacións entre as finalistas: hai 70 en total, de entre 581 obras presentadas. Aínda non está programada a data na que o xurado decidirá as gañadoras.


Segundo explica o Concello, no que respecta á actuación levada a cabo no lavadoiro de Artes, realizouse unha bancada en “V” para fomentar a interacción entre as persoas que o visiten. A proposta quixo recuperar o lavadoiro como un espazo onde a auga circulante do río sexa a protagonista dándolle ao lugar unha dimensión sobre todo social pero tamén de reflexión, onde a presenza dunha corrente sosegada de auga de 30 mt de lonxitude á sombra das árbores permita un estado de percepción distinto. O material básico utilizado foi granito silvestre de Barbanza.


En canto á intervención emprendida en Pedra da Ra (denominada O Banco do Piñeiro), a intención principal residiu en construír un camiño accesible acompañado dunha varanda para axudar ao movemento das persoas con algunha minusvalía de modo que esta contorna de importancia identitaria poida ser participado por todos os veciños independente da súa mobilidade. A idea foi construír o mínimo para lograr xerar o maior interese e provocar percepcións distintas e así entender todas as dimensións deste lugar, visuais, acústicas, olfativas, etc. O punto final do camiño marcouse cun banco de pedra cúbico e unha varanda metálica de protección para os visitantes en cadeiras de rodas.


Cómpre lembrar que a intervención anterior levada a cabo no miradoiro de Pedra da Ra —tamén co proxecto do arquitecto Carlos Seoane— xa foi merecedora de diversos galardóns como o Premio FAD de Arquitectura, o Premio COAG do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ou o Premio Enor. 

Os proxectos do lavadoiro de Artes e o miradoiro de Pedra da Ra, finalistas na Bienal de Arquitectura

Te puede interesar