A nosa vocación atlántica

Galicia carece de política exterior dende que goberna Feijóo e isto fainos máis periféricos e máis irrelevantes, pois que a España do réxime de 1978 alicérzase nun grande hub financeiro, institucional e político na rexión madrileña que baleirou a Meseta e vai camiño de baleirar as periferias peninulares. Madrid desfruta das vantaxes todas do efecto capital, de grandes investimentos públicos e do poder rexional para facer dumping fiscal.

Portugal refugou da rexionalización no 1998, mais arestora o bo facer municipal e institucional do Porto está a compensar parcialmente o centralismo lisboeta-lusitanista, facendo da cidade portuense un emerxente empresarial. Mentres, o país exerce unha gobernanza que abre Portugal aos investimentos empresariais e mellora as prestacións sociais e a calidade da democracia portuguesa. Portugal non quere apostar polo eixo ferroviario Lisboa-Madrid, senón polo Lisboa-Porto-Vigo-Compostela-A Coruña, que constitúe o primeiro repto para as infraestruturas dunhaa Eurorexión, que con seis millóns de habitantes amosa unha dimensión acaída para a atracción do coñecemento e do investimento, arredor da área portuense, dende logo, mais apuntando cara unha área Miño-Vigo que xoga a carreira da nova automoción e á área coruñesa que está a xerar un grande desenvolvemento das TIC dende a dixitalización do Grupo Inditex e outras novas iniciativas TIC das que haberemos falar polo miúdo .

Máis a nosa vocación atlántica non remata na eurorexión Galicia-Norte de Portugal nin na grande Portugaliza. Euskadi, Bretaña, Poitou, Aquitaine e Csatela-León veñen de reclamar a necesidade da conexión dos territorios atlánticos todos ao Corredor europeo de mercadorías como acceso ao conxunto da Unión Europea. Un Corredor que viabilizaría a conversión dos nosos portos no grande hub do Occidente europeo entre Mar do Norte-Canle da Mancha e a nova Canle de Panamá.

Compre ollarmos máis cara Portugal e e os territorios atlánticos europeos e menos cara Madrid e o seu centripetismo. Velaí, pois, a importancia de iniciativas como a da Rede Mundo Atlántico que ven de nacer, con sede na Coruña, Vigo e o Porto, partillando partenariado coa Asociaçâo Empresarial Portuense (AEP), a primeira organización económica de Portugal e cunha tripla vocación: horizontalidade dixital en rede fronte á burocratización xerárquica, independencia dos Poderes políticos e creación de valor.

Precisamos de máis Rede e de máis integración con Portugal e o mundo atlántico e de menos sistemas de Poder nos que un só cerebro sabe todo e goberna todo.

A nosa vocación atlántica

Te puede interesar