Ese desexo moi forte dunha cousa que amosamos coa palabra arela, un substantivo feminino; e polo que toca ao aspecto de acción, no verbo transitivo arelar, que ten como sinónimos aos de anhelar, ansiar e cobizar, é con certeza unha moi atinada e boa expresión do estado de ánimo colectivo que se viviu na poboación galega diante do proceso de sometemento a referendo, por votación popular, da proposta de Estatuto de Autonomía que finalmente acadou unha esmagadora proporción de apoio, coa papeleta do si, nas vésperas do golpe militar sedicioso que inaugurou, tres anos máis tarde, a longa noite de pedra da ditadura franquista e, con ela, a total e absoluta negación da expectativa de uso do dereito á soberanía limitada que ofrecía o texto estatutario.
Van alá oitenta e cinco anos desa efeméride, á da votación do 28 de xuño de 1936, culminación dunha mobilización sen precedentes a prol da causa galeguista que ben pode sintetizarse no bando do rexedor de Vigo, chamando á reflexión, ao sentimento, á comenencia e ao deber da súa veciñanza para iren ás urnas e alí apoiar á “personalidade dun pobo con arelas de vida e liberdade”. Etapa final, no ámbito interno do País, a unha iniciativa que comezou cinco anos antes con anteproxecto de Estatuto de 1931, redactado entre outros por Carvalho Calero e Lois Tobío; e, sobre todo, co impulso político da Asemblea de Concellos de 1932 na que Vilagarcía e moitos outros municipios da contorna tiveron participación activa. Un paso decisivo que, sen embargo, toparía co atranco dos gobernos do Bienio Negro, paralizando un proceso que debeu agardar ás exixencias do Partido Galeguista fronte á triunfante Fronte Popular, marcadas por Alexandre Bóveda, o verdadeiro motor de explosión, que empurrou a campaña da súa aprobación popular.
Con todo, o trámite estatal parlamentario no actual Congreso das e dos Deputados, xa non foi posíbel máis alá da entrega formal á Presidencia da República, paso previo á transmisión oficial do texto plebiscitado ás Cortes. Tivo que se agardar a unha simbólica sesión nas coñecidas Cortes de Montserrat, dous anos máis tarde, que acordarían admitilo a trámite. Finalmente, a súa aprobación chegaría da teima e intelixencia política do Consello de Galiza, no exilio, formado por Castelao, Elpidio Villaverde, Suárez Picallo e Alonso Ríos aos que se sumaron o boirense Ramón Fernández Mato e o socialista Edmundo Lorenzo para facer posíbel que as Cortes, reunidas na capital mexicana, en outubro de 1945, formalizaran o remate dun proceso; consagrando a legalidade total dun proxecto estatutario que xa non sería posíbel aproveitar no territorio galego.
Daquela porfía herdamos a condición de “comunidade histórica”, cun Estatuto vixente para o que urxe unha mudanza que abra paso a un novo status político, máis competencias, poder propio e soberanía a favor das persoas e do benestar colectivo. É lexítima “arela de vida e liberdade”.