Se, para o caso, “Roma locuta, causa finita”; polo que atinxe á escolla da persoa á que se dedicará a honra de ser o centro da homenaxe, promoción da súa obra e lembranza pública dun mérito que vai para alén do estritamente literario, abordando todo o que ten a ver coa súa traxectoria vital; de xeito puntual á tradición anterior aos tempos de pandemia sanitaria do Covid-19, a Academia Galega ven de pór remate á incerteza dunha incruenta pugna entre tres propostas alternativa na que finalmente, e por avultada diferenza de apoios, optouse pola personalidade de Florencio Delgado Guirriarán para o Día das Letras Galegas de 2022, cun recoñecemento porque o seu “labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras da diáspora”. Daquela, a RAG, non só celebrará o excelente poeta que foi, cultivador dun galego enxebre, característico das terras de Valdeorras. A través da súa figura tamén homenaxeará, por primeira vez, a Galicia do exilio republicano en México, país onde o propio Delgado Gurriarán e outros colegas desenvolveron iniciativas sobranceiras que mantiveron vivo o facho da nosa identidade e que constitúen un referente obrigado da nosa historia contemporánea.
Xusto é facer memoria á contribución que, para o idioma, a cultura no seu amplo aspecto e para a identidade política galega, chegou dende o alén mar americano, a outra beira do Océano Atlántico que une as terras galegas coas de Cuba, na etapa da emigración ultramarina e con Arxentina, México e Venezuela na do exilio que sumou singularidade específica á coincidente vaga migratoria tamén polas causas endémicas de carácter económico e social que forzaron á nosa xente, e aínda o están a facer coa mocidade de hoxe en día, a procurar saída laboral fóra do país.
Velaí, Florencio Delgado, como poeta, ao longo de máis de cinco décadas publicou composición en revistas, xornais e libros. O seu primeiro poemario relevante, Bebedeira, de 1934, é unha obra próxima ao hilozoísmo de Amado Carballo coa que participou na renovación estética da poesía galega. Xa no exilio, axiña se implicou na revitalización cultural nun tempo en que a cultura galega da terra ficaba muda no seu proio idioma, mentres Bos Aires e a cidade de México, por esta orde, se convertían nos grandes centros de actividade cultura e política do galeguismo; movemento político no que militou activamente o autor gabado nas Letras Galegas do vindeiro ano. Páxinas memorables daqueles anos son a colectánea “Cancioneiro da loita galega”, publicación do Partido Galeguista mexicano. Poesía de combate, coa súa voz potente, variada e significativa na que inclúe poemas ao seu amigo Alexandre Bóveda. Até “O soño do guieiro”, 1986, co xermolo na súa achega á revista colectiva que conmemorou o 25 aniversario da morte de Castelao; Florencio, primou o traballo colectivo na mítica revista “Vieiros”, nunha peripecia de vida persoal da que agora saberemos máis, especialmente de aspectos pouco tratados até agora.
É atinado e xusto.