Un cartel da casa para unha Vikinga internacional

A 61 edición da Romaría Vikinga de Catoira foi presentada onte | gonzalo salgado
|

A pandemia do coronavirus volve a provocar cambios na Romaría Vikinga de Catoira, que suma este ano a súa 61 edición con máis forza ca nunca. E é que as condicións de control de aforo e de medidas obrigadas pola situación sanitaria non van impedir que os catoirenses e os visitantes que cheguen de fóra poidan vivir a que é a festa de Interese Turístico Internacional máis antiga de Arousa. A cita festiva é moi importante e por iso a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, se achegou onte ata as Torres do Oeste para, xunto co alcalde da localidade Alberto García, presentar unha programación que arranca este mesmo domingo. En Catoira, nun ano tan complicado para a cultura, queren apostar polo da casa e presumindo da calidade dos seus artistas serán estes os que configuren o cartel musical. Así pois este domingo ás 21:30 horas nas Torres do Oeste tocará Roi Casal. A seguinte cita, o martes 27, mércores 28 e xoves 29, é co tradicional teatro no recinto das Torres do Oeste. Será a partir das dez da noite coa peza “El -Rei Snie”, a cargo da Escola Municipal “Úrsula”.


O venres 30 a partir das oito da tarde na Alameda do peirao terá lugar a Valhalla Music Fest. A venda de entradas será a través de woutick.es. O sábado 31 o grupo Troula será o encargado de darlle vida ao pasarrúas con séquito vikingo dende a Rúa Estación e polas principais zonas do centro urbán a partir das oito da tarde. Pola noite, a partir das dez e diante do Multiusos, terá lugar o concerto de Milladoiro, que chega a Catoira da man do programa Musigal 2021 da Deputación de Pontevedra.


O gran día é o domingo co pasarrúas a partir das once e media de mañá e co concerto de Baiuca ás doce e media no recinto das Torres do Oeste. Debido ao covid este ano non haberá o tradicional desembarco, pero a frota vikinga está máis que preparada para a incursión polo Ulla. Aí poderán verse as embarcacións vikingas como un símbolo dos grandes desembarcos que están por vir.

Un cartel da casa para unha Vikinga internacional