A Semana de Cine chega coa proxección de “Tiburón” na praia e filmes para toda a familia

A Semana de Cine chega coa proxección de “Tiburón” na praia e filmes para toda a familia
A concelleira de Cultura e responsables do Cineclube Ádega presentaron onte a programación da Semana de Cine | g. salgado

Coma todas as boas películas a Semana de Cine é todo un clásico no verán vilagarcián. A concellería de Cultura e o Cineclube Ádega volven a xuntarse para configurar unha programación pensada para todos os públicos e, sobre todo, para os gustos máis selectivos. As actividades arrancan o sábado 31 da man do Festivaliño ou, o que é o mesmo, as proxeccións e actividades cinematográficas pensadas para os máis pequenos da casa. Este festival en miniatura celébrase ata o luns 2 de agosto na Praza da II República. Os horarios están fixados de 12 a 14 horas e de 19 a 20:30 horas.


Non é máis que o aperitivo para o que está por vir. Seguindo a tradición das proxeccións ao aire libre -se cabe máis importantes nos tempos que corren- a zona do Pinar da praia da Concha acollerá o martes 3 a visualización da película “Tiburón”. Será a partir das dez e media da noite e o acceso será controlado, con aforo e a obrigatoriedade de inscribirse con antelación na web do Cineclube. A entrada é gratuíta. O presidente da entidade, Fernando López, definiu o filme como “un dos mellores blockbuster da historia do cine e unha das películas máis exitosas de Spilberg”. O entorno da praia dálle máis interese, se cabe, a esta proxección.


A partir do mércores 4 as películas incluídas na programación trasládanse ao Salón García. Todas as deste escenario terán un custo para non socios de 4 euros, mentres que os socios do Cineclube poderán entrar de balde. Todas as proxeccións serán ás nove e media da noite. A primeira parada dese mércores é co filme “The Father”, unha exitosa produción británica coa que Anthony Hopkins se fixo co seu segundo Óscar.


O xoves 5 será a quenda dunha película máis “freak”. Chegada dende Xapón visualizarase “One cut of the dead”, un filme de zombies con moita sátira e con todos os toques dunha boa comedia.


O venres 6 proxectarase o filme “Bacurau”, brasileira. Dende o Cineclube Ádega definírona como un “western distópico” e resaltaron que foi a gañadora do premio do público no festival de Cannes do ano pasado.


A programación remata o sábado día 7 con outro romance clásico na historia da Semana do Cine: a fusión das proxeccións mudas coa música en directo. Nesta ocasión haberá sesión dobre no Salón García coa emisión de “Un perro andaluz”, de Luis Buñuel e “Ménilmontant”, os dous filmes dos anos 20. A banda sonnora será reproducida por Fuzzo. Eles mesmos se definen como unha banda que aposta pola improvisación e a creatividade máxima. Un excelente fin de festa para unha progrmación que forma parte do mes de agosto cultural de Vilagarcía con éxito notable ano tras ano.

A Semana de Cine chega coa proxección de “Tiburón” na praia e filmes para toda a familia

Te puede interesar