A festa máis rachada reinvéntase fronte ao Covid-19

A festa máis rachada reinvéntase fronte ao Covid-19
A botadura da dorna “Arroutada” foi un dos actos máis significativos do día | Chechu

Despois de que o ano pasado non se puidera celebrar en Ribeira a súa querida e arraigada Festa da Dorna pola pandemia, nesta ocasión os directivos da cofradía que están ao mando deste barco non quixeron que o coronavirus lles volvese a apagar a diversión e o espíritu dorneiro. Pese a que acordaron suspender a festividade no seu día grande, que tería lugar onte, non permitiron que a Covid-19 lles chafase a homanaxe a súa xenlleira embarcación e prepararon un variado programa de actividades simbólicas para esta xornada, que xa arrancou na véspera, e que tivo continuidade onte, coa ruta de tapas “Estrella Mijelín”, na que participaron unha ducia de locais hostaleiros da cidade: A Taberna, Cocoluche, Ceos, A Caseira, Malecón, Niño do Cuco, Tasca do Barbanza, O Desván, La Estación, O Porto, El Colimbreo e Abuela Gloria. Os premios foron para estos tres últimos polas tapas “Samburiña con tocado de jala”, “De Jalisia ó extranxeiro” e “Lubina ó sal en montura verde con crunchy de avena”, respectivamente.


P17 F4 21424132

A celebración incluiu unha exposición de carrilanas diante da sede da Cruz Vermella | Chechu Río


Co estourido das bombas de palenque arrincou onte a festa e o fixo cunha xuntanza de embarcacións, e as actuacións itinerantes no “Orjullo Jaiteiro” de grupos de gaitas e charangas como Os Liantes, Trécola, Os Jalochos, Buxaina, Mekanika Rolling Band, TNT e Licor-K, que amenizaron a ruta de tapas e tamén o ambiente de rúa vespertino, sobre todo nas terrazas dos bares, que estiveron ateigadas de xente. Un dos actos significativos celebrouse na máis estricta intimidade da directiva da Real e Ilustre Cofradía da Dorna na súa sede, para evitar aglomeracións, e consistiu na imposición da “Poutada de Ouro” a Ramón Silva, un dorneiro de pro que se encarga do mantemento do patrimonio da entidade, nomeadamente, as embarcacións tradicionais.


P17 F5 21432461

As actuacións itinerantes dos grupos de gaitas e charangas amenizaron a xornada | Chechu Río


E foi tamén unha dorna a protagonista doutro dos actos destacados, e foi a botadura na rampa de varada da “Arroutada”, que foi restaurada en Astilleros Lojo S.L., de Rianxo, e puido volver navegar. Os dorneiros sinten “orgullo” dela e posiblemente por iso leva as cores do arco iris do colectivo LGTBI, como os nove bancos instalados nas parroquias de Ribeira. Tampouco faltou a celebración da cerimonia do exame de patróns, que debido ás medidas anticovid se retransmitiu vía streaming, e fíxose a entrega dos premios do concurso de “enjalanamento” de casas a Dolores Ramos Rivas, Pablo Pérez Pérez e Silvia Varela Rodríguez; aos comercios O Faiado, Rincón do Chocolate e Farmacia do Malecón; e aos locais hostaleiros Cocoluche e Abuela Gloria, e pechouse cun espectáculo de fogos artificiais desde o peirao. Os dorneiros responderon cun “comportamento exemplar”, o cal agradeceron desde a organización.

A festa máis rachada reinvéntase fronte ao Covid-19

Te puede interesar