A gobernación do patrimonio

por gobernación debe entenderse o efecto e acción de gobernar ou gobernarse. Resultando ser sinónimo de goberno, un substantivo que tamén expresa un sentido idéntico, alén doutras caso da maneira de estruturarse politicamente un estado ou do microcosmos que se simplifica no conxunto de ministras e ministros que gobernan un país; no significante dáse unha característica que singulariza o potencial da acción compartida, diso que podemos considerar como “gobernanza participativa” algo que vén moi a conto dunha recente publicación editado polo Consello da Cultura Galega, en relación ao mellor xeito de acometer a xestión, a conservación e a difusión do patrimonio cultural galego que tan necesitado está dunha política de coidado máis eficiente.

Velaí a “Guía práctica para a análise dun sector clave na gobernanza do futuro (2019-2021)”, elaborado polo Foro Patrimonio e Sociedade desta sobranceira institución cultural, froito dun ambicioso proxecto que naceu co obxectivo de propor un cambio na xestión do inxente patrimonio do país, unha encomiábel labor na que trinta especialistas de diferentes ámbitos traballaron arreo durante máis dun ano e medio nun proceso único, deseñado expresamente para integrar a todas as persoas que teñen a ver co sector, desde a sociedade civil ata os grupos parlamentarios. Recomendábel a súa lectura, e mesmo descarga, na Web do Consello da Cultura Galega.

Nas recomendacións que este grupo de expertos sinalan como necesidade, para mudar o rumbo do estado de alerta que se evidencia en relación ao estado mediano do noso patrimonio cultural, están diferentes ferramentas de xestión encamiñadas a máis grande eficacia nos obxectivos que, nun ámbito global, fixan organizacións internacionais do nivel da UNESCO, Consello de Europa ou ICOMOS. Por iso, indican que a primeira delas, e a máis necesaria, é a elaboración dun Plan Patrimonial de Galiza que conteña as liñas forza da xestión da administración galega. Engaden que dado o inxente patrimonio que hai no noso país, o Foro entende que a educación da cidadanía é clave, por iso fai explícito que ese Plan conteña un apartado específico de educación patrimonial. Con lóxica elemental, sen recursos económicos non se podería poñelo en marcha, polo tanto cumpre a súa dotación e previsión orzamentaria, coa debida achega para executalo.

Entre as máis de duascentas corenta páxinas da publicación, coas conclusións das diferentes mesas de reflexión e dos varios eixos temáticos abordados, emerxen dúas iniciativas de futuro fundamentais: A creación dun Observatorio de Patrimonio, cunha sección dedicada á Educación Patrimonial; e a formación dunha Comisión de Patrimonio no Parlamento galego, que atenda ao patrimonio como elemento estratéxico e transversal na política cultural do país. E aínda moito máis que agora toca procesar en clave política para abordar unha necesidade urxente, asegurar difusión e futuro para noso patrimonio cultural e de identidade colectiva, poñendo freo ao desleixo.


A gobernación do patrimonio

Te puede interesar