Institucionalizar a memoria

institucionalizar é dar carácter oficial a algo; e dicir, facer que teña recoñecemento por ser asumido pola organización administrativa e política dun nivel determinado de gobernación. Velaí a reivindicación histórica que as entidades de recuperación da memoria das vítimas do franquismo, e do conxunto das organizacións sociais e políticas de base democrática con pequenas aínda que moi significativas excepcións, veñen facendo para acadar a consideración formal do 17 de Agosto, declarado como Dia da Galiza Mártir, un feito que xa é así a nivel popular. Facer real, no marco simbólico oficial, o vaticíneo expresado por Catelao: “Nos moitos cemiterios de Galiza, repousan os derradeiros mártires da liberdade en número incontábel. A miña imaxinación veu unha fogueira en cada cemiterio, como outros tantos clamores de xustiza. Mais no de Pontevedra veu unha labarada que chega ata o ceo. Era o espírito de Bóveda”. Palabras de agradecemento para as vítimas polo seu sacrificio en pos da causa común das e dos demócratas que o rianxeiro universal escribiu no discurso Alba de Gloria, logo integrado na súa magna obra de pensamento político, o Sempre en Galiza, facendo de Alexandre Bóveda, alguén que “terá que ser nun mañá, próximo ou máis lonxe, a bandeira da nosa redención”, o símbolo no que se ven así representada todas as persoas mortas nun infame e nunca recoñecido xenocidio, e tamén as que soportaron privación de liberdade, represalias e outros xeitos de castigo e aldraxe. As e os mártires cívicos na Galiza.

Por iso, a boa nova chega do acordo da Deputación luguesa que vén de acordar demandar dos órganos de poder galego a proclamación do Día da Galiza Mártir entre as efemérides oficiais periódicas do noso ámbito territorial. É un chanzo que debería prender lume nos outros ámbitos de representatividade da cidadanía, conscientes que de que haberá que dedicar esforzos, agora e no futuro, para emendar as numerosas insuficiencias do proxecto de Lei de Memoria Democrática, días atrás aprobado polo goberno estatal, especialmente en aspectos clave, como a inmunidade concedida aos responsables dos crimes franquistas mediante as leis de amnistía do inmoral proceso de transición política, corenta e cinco anos fai xa, ou o rexeitamento ás esixencias de reparación xurídica ás vítimas en sentenzas amañadas polos tribunais daquela ditadura.

Aínda que a memoria viva das vítimas sobreviviron ás balas de Franco, aos inacabados anos de silencio, deturpación da historia e da amnesia programada nun plan de desmemoria social, hai que deixar moi claras as responsabilidades, para que non se borren do recordo e para fixar na axenda das e dos demócratas unha tarefa pendente: O cambio e limpeza das institución herdadas da ditadura; e, á par diso, a busca da verdade, da xustizas e da reparación en favor das vítimas, ao tempo de asegurar a non repetición dos feitos que, cos tempos que corren, son novamente unha ameaza para os valores cívicos e das liberdades que os mártires acadaron do seu sacrificio.


Institucionalizar a memoria

Te puede interesar