Xironsa planta cara de novo á pandemia cun completo festival de 21 anos

Xironsa planta cara de novo á pandemia cun completo festival de 21 anos
Público na edición anterior deste evento musical en Cambados | m. f.

Hai citas que non poden faltar nun verán. Aínda que sexa en pandemia. Aínda que fora nun segundo ano de restricións. O festival de música tradicional Xironsa, que organiza a Asociación Cultural homónima, sóubose adaptar ás limitacións xa no 2020, de onde trae experiencia xa para reeditar unha celebración segura, pero chea de cultura galega.

A cita afronta nesta canícula a súa XXI edición. Son xa máis de dúas décadas de música popular, arredor dos principais grupos folclóricos e artistas do momento ou de longas traxetorias xa consolidadas. Será a finais deste mesmo mes, os días 27, 28 e 29, na que será a fin de semana derradeira de agosto.



Avance do cartel


A entidade asociativa aínda non fixo a tradicional presentación pública do festival, pero a través das súas redes sociais vén de adiantar algún dos nomes propios e grupos que van formar parte do cartel deste ano. Gran parte del, pois, é xa público.

Así, están confirmados nomes como os de Peter Punk, que será un dos encargados de poñer un espectáculo de animación para toda a familia, coa que esperan as gargalladas de pequenos e maiores.

Boudebou Gaiteiros serán os encargados de levar a música tradicional polas rúas da vila, tentando poñer un “graniño de area para animar ós negocios de Cambados nesta situación de pandemia na que estamos”, explican os organizadores.

Pulpiño Viascón será outra das apostas para chegar ao público familiar cun espectáculo de música e humor “no que nos interpretará pezas populares animando ós presentes a cantar”.

Tres Pesos (Felisa Segade, Estevo Lamas e Xosé Antón Ferreira) demostrarán a súa particular concepción musical, mentres que Os Mecos de OGrobe sumaránse á tarefa de animar as rúas da vila con música tradicional.

Os Carunchos tamén están confirmados. Son un dos grupos “con máis traxectoria no mundo da música tradicional”, a piques de facer trinta anos. Esa experiencia acumúlana “tentando innovar, mesturando temas cantados tradicionais con repertorio de gaiteiros solistas”. Haberá tamén música de banda, un clásico nas festas populares galegas, neste caso, coa de Ribadumia.


Con Onte e Hoxe camiñarase cara o recordo ás músicas dos anos 60 e 70, mentres que o pandereteiro pontevedrés Marcelo Dobode presentará o seu primeiro proxecto individual, “Turoqua”, no que mestura rock, funk e soul. O último dos nomes confirmados ata onte é o de BanDKtro, cambadeses que interpretan pop e rock dos 80 e 90 e que se avanza como unha das actuacións “rompedoras”. 

Xironsa planta cara de novo á pandemia cun completo festival de 21 anos

Te puede interesar