Ti, a quen votas?

O voto é secreto, tan secreto que hai quen non sabe el mesmo a quen vota. Cada partido entende e presume de que os seu votantes son os máis competentes, os únicos listos do censo electoral. Así pois podemos concluír en que vivimos rodeados de listos ou nun país de babecos e parvos. Nas eleccións autonómicas de 2020 en Galicia contabilizáronse 1.320.955 votos, e as abstencións superaron esa cifra. Se os que non votaron a algún partido son babiolos, teríamos que revisar varios conceptos decontado.

A maioría dos votos nestas eleccións, o 47,96% foron para o PP, o 23,79% para o BNG e o 19,39% para o PSOE. Non entanto, nas eleccións xerais de novembro do ano anterior, contabilizáronse 1.507.366 votos, a abstención fora considerablemente inferior e PP e PSOE empataron a escanos, co 32,28% e o 31,59% dos votos, respectivamente. O BNG, naquelas eleccións, acadou un 8,18% dos votos, menos que Podemos-EU, que quedou fóra do parlamento galego no ano seguinte.

Parece evidente que se deben respectar ás persoas, ás que votan e ás que se absteñen, ás que se dedican á política e ás que cambian de voto cando lles peta. Respecto ás persoas, incluso, a aquelas que pensan que son deuses. E, naturalmente, respecto ás opinións dos demais. En que está pensando? Como di a Tía Manuela, as opinións deben ser libres.

Moitos van votar para botar fóra aos gobernantes, para cambiar, para mellorar ou, sinxelamente, para deixar constancia de que o pobo pode, e debe, ser quen manda e quen ordena. O voto é poderoso e moitos votos son decisivos. As papeletas son armas de papel, coa mensaxe escrita e directa, capaces de cambiar o mundo, para ben ou para mal. Aínda que ben sabemos todos que nun proceso electoral é igual que nas feiras de Castroncán ou da Canda, “cando un perde outro gaña”. Así nunca hai feira mala.

Que iguais e que diferentes son as palabras botar e votar. A relevancia do voto é incuestionable, é un dereito dos cidadáns e podería ser unha obriga, xa que realmente é o único poder que teñen por igual os ricos e os pobres. Un cidadán, un voto. Efectivamente, o voto é un instrumento para o reparto do poder político, pero as estatísticas observan que os sectores de poboación máis vulnerables son os que engrosan as listaxes da abstención.

Os que mandan queren seguir mandando e cabalgando, rastreando, se é necesario

Ti, a quen votas?

Te puede interesar