Tempo de castañas

A ló vai o verán e xa andamos polo outono outeando, da vendima, para o souto a apañar as castañas, deambulando por entre as follas que se arrastran, que caeron e caen antes de que chegue o inverno e a matanza dos porcos cebados.

Precisamente as castañas axudan a que a ceba sexa boa. E, unha boa ceba, antes máis que agora, era un inequívoco sinal de riqueza e de fartura, para a veciñanza e para o cura da parroquia, aquel don Xenaro ao que lle tocaba o mellor entrecosto de cada matanza, uns cantos quilos de carne de costelar coa costela, para asar, para guisar, para fritir, para cocer ou, se era o caso, para salgar e gardar.

Mentres o viño fermenta e se fai na bodega os soutos dan que facer. Hai que recoller as castañas, asalas para probalas, e preparalas para distribuílas a medio mundo, como fai Alibós de Monterroso, que as pela, que as conxela e que as manda para Xapón, para China, o Reino Unido, Bélxica, Suíza, Francia ou outros países onde queren comer ben. Na castaña, segundo os técnicos, abundan os hidratos de carbono, almidón, sacarosa e fibras solubles. Teñen un baixo contido de proteínas, pero -ao parecer- de moi boa calidade. Son, as castañas galegas, un magnífico produto para aqueles que queren comida sa.

Outubro, novembro e decembro son meses que marcan o tempo da recolleita e da preparación das castañas, para que teñan bo sabor e boa presenza, con textura e cor. Vostede lembra como se amoreaban as castañas nas ouriceiras? Da ouriceira ían para o canizo, a secar co fume e o calor da lareira, e despois pasaban polo proceso de pisado.

Dous homes agarraban un saco con castañas e golpeábanas contra un pau ata que soltaban a casca seca. Xa ben limpas, aquelas castañas facían un caldo negro e moi saboroso ou comíanse, polo inverno adiante, con chourizos, con touciño ou con soá, se quedara do que levara o cura.

Agora son outros tempos e, como di a Tía Manuela, “aqueles de tanta escaseza, de tanta carencia e tanta penuria, que vaian e non volvan”. Os soutos son patrimonio cultural a preservar e hai que defendelos como á memoria. E, a pisa das castañas é unha festa, para ensinarlle á mocidade a alegría da xente que pisaba, que apañaba e que comía castañas, en tódalas comidas de tódolos días, con viño novo ou con auga da fonte fría.

Tempo de castañas

Te puede interesar