Comedores de castañas

astañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño. Esta sentenza do refraneiro popular galego conecta a importancia histórica deste produto, xurdido dunha das arbores máis relevantes, polo seu valor comestíbel na tradición alimentaria galega milenaria cunha manifestación que é rito, procedemento e celebración: O magosto. Si, o magosto, entendido como comida consistente fundamentalmente en castañas asadas, polo xeral acompañadas desa bebida “froito da terra e do traballo das persoas”, en expresión evanxélica como xeito de santificar ao resultado da alquimia que fai da fermentación da uva nada menos que un elemento a consagrar na eucaristía, sacramento mediante o cal, polas palabras que pronuncia o sacerdote, o pan e o viño se converten no corpo e sangue de Cristo. Non é de estrañar que a festa do magosto, nacida na orixe remota das civilizacións agrarias anteriores ao cristianismo, rematara por ser incluída no santoral católico, asociada cun santo de orixe húngara, certo que dos tempos do vello Imperio Romano que o levou a ser bispo de Tours, no territorio francés actual, lugar no que puxo todo o seu empeño en combater ás consideradas teorías do “gnosticismo e do maniqueísmo” que atribuían ao noso Prisciliano; aínda que se ten asumido que, unha vez foi detido o rebelde bispo galego, san Martiño, tería intercedido diante do emperador para evitar fose sentenciado á morte.

Esta é, pois, a semana por excelencia dos magostos, mesmo con festa local nunha das principais cidades do país, aínda que na práctica este evento que xunta persoas e veciñanza ao carón do lume no que rendemos culto ao froto do castiñeiro, vén facéndose indistintamente en días que ocupan a última quincena de outubro e a primeira de novembro, cunha parada fundamental arredor do Día dos Defuntos, nalgún tempo pasado convertidos nun banquete funerario no que a castaña, o viño e o lume simbolizaban a presenza da vida e tamén da morte. En todo caso, é do máis acaído mirar para o momento agrario e forestal galego, reparando no potencial que pode tirarse do castiñeiro, a árbore milenaria, xunto ao carballo, do noso pasado que é tamén futuro respectuoso co medio ambiente ecolóxico e co ecosistema natural, moi ben sintetizado como exixencia nun retranqueiro chío que circula pola rede: Se queres castañas, non plantes eucaliptos.

Isto é así, como se ten documentado sobradamente; até que chegou aquí o cultivo da pataca e do millo traído da colonización dos territorios das civilizacións propietarias do continente americano. A castaña foi un produto cultivado durante moitos séculos anteriores para autoconsumo, e cuxas producións se orientan agora aos mercados nun proceso iniciado hai xa unhas sete décadas, que aínda podería ser incrementada de forma moi significativa se fosen recuperados e modernizados os cultivos dos soutos tradicionais, mecanizada a súa recollida e promocionado o seu consumo como alimento saudable e materia prima da cociña creativa. Nós, somos comedores de castañas.


Comedores de castañas

Te puede interesar