Andrea Fernández: "A poesía pode lela todo o mundo, pero hai xente que lle pon reparos”

Andrea Fernández: "A poesía pode lela todo o mundo, pero hai xente que lle pon reparos”
Andrea Fernández Maneiro leva anos presentándose a certames literarios e gañando moitos deles | josé cuervo

Recoñece que pode estar traballando sobre a estrutura dun mesmo poema durante horas e ten claro que a poesía, pese a que ocasiona certo reparo, é un xénero que pode ler todo o mundo. Andrea Fernández Maneiro acumula varios premios literarios e a pasada fin de semana sumou dous máis. É unha das voces poéticas arousás máis polifacéticas e fala sobre a arte de compoñer e, sobre todo, de gozar creando.


Recoller dous premios nunha mesma fin de semana e ambos de poesía. Por que se presenta aos certames?

É sinxelo. Hoxe en día a posibilidade de publicar poesía é case remota. Hai poucas opcións porque as editoriais grandes xogan sobre seguro e priman o criterio económico sobre o literario. Despois está a opción de autoeditarse, pero non estou moi a favor. Creo que nunca o vou facer. Por iso opto por someter a miña obra á decisión dun xurado e, se gaño, pois publícase. Esa é unha das cousas para a que valen os premios e a outra, como non, a potenciación da lingua galega.


Son premios literarios, tanto o Torre de Caldaloba como o de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocados por entidades moi pequenas...

Os premios de poesía están proliferando en pequenos concellos preocupados pola lingua galega. É curioso que en Cospeito ou Malpica de Bergantiños haxa este tipo de iniciativas e que no Salnés non haxa practicamente nada. Só o Manuel Lueiro Rey do Grove e é de novela.


Cre entonces que nesta zona deberían apostar por máis certames literarios?

É que é impresionante que non haxa nada. Hai un certame pequeniño, privado, no Pazo da Saleta en Meis. Fano con moito cariño, pero é o único. A min paréceme imperdoable o que se fixo co Premio Fermín Bouza-Brey. Era un premio de sona que estaría entre os máis grandes de Galicia e agora, de recuperalo, sería de cero. Creo que tamén é imperdoable que en Vilanova ou en Cambados tampouco tivesen apostado por poñer en marcha certames literarios, por exemplo.


As súas obras recentemente premiadas son de xéneros moi diferentes. Considérase unha poetisa polifacética?

Todos os poetas fan un pouco de todo. O Illas Sisargas é o único do seu xénero, penso, en todo o territorio español. É unha temática complexa e, de feito, levoume catro anos perfeccionar o texto. Co erótico podes caer na vulgaridade ou incluso na pornografía, por iso hai que andar como unha futnambulista sobre o aramio. O “Contra-tempos” co que gañei Torre de Caldaloba tamén me levou un feixe de anos. Fala sobre a saúde mental, de como se etiqueta a aqueles que na teñen e o tabú tremendo que hai coa xente que padece algún tipo de transtorno deste tipo.


Hai xente á que lle dá medo ler poesía. Cre que é un xénero para todos os públicos?

A poesía é un xénero que pode ler todo o mundo, pero é certo que hai xente que ten reparos porque hai uns estereotipos creados en torno a ela. Estou segura de que, coma en todo, cada persoa atoparía o estilo para lela e disfrutala.


Hai inspiración detrás da súa obra?

A poesía ten un toque de inspiración que funciona como fío condutor. Nas miñas obras hai moito tempo investido. Penso na idea e logo vouna enchendo con folliñas como se fose unha árbore.

Andrea Fernández: "A poesía pode lela todo o mundo, pero hai xente que lle pon reparos”

Te puede interesar