Entre os chamados Días Internacionais, impulsados por organismos que petan na sensibilidade das autoridades públicas, dos entes económicos e sociais, e tamén da xente que forma o conxunto da sociedade civil, sumamos outro que vén da iniciativa da UNESCO; neste caso a favor do Patrimonio Mundial que, como nos centos e centos de casos de conmemoracións deste tipo, anda ben necesitado de consideración para o total dos bens naturais e culturais que existen no mundo e que forman parte da riqueza e da herdade de toda a humanidade. Coidado, protección e preservación para legar ás persoas que nazan no futuro; caso de que a raza humana e a súa cultura común sexa capaz de superar con éxito a innegable crise de emerxencia climática que esa é outra cuestión. Neste concreto asunto, a retranca galega afirma ver “outra vaca máis no millo”.
Esta cita do pasado 16 de novembro, é lembranza da Conferencia Xeral fundacional desta institución cultural que chegará ao cincuenta aniversario no ano próximo, cita histórica na que se puxo en marcha o recomendado nun documento elaborado polo Consello Internacional de Monumentos e Sitios que precisaban, e aínda continúan a necesitar, de protección e coidado, obxecto dun posterior catálogo de Obras Mestras de Patrimonio, cultural, natural e de bens mixtos polo que atinxe ao físico e visíbel. A sumar, tamén, as de carácter oral e inmaterial comprendidas por todas as expresións vixentes e tradicións que veñen dos devanceiros e, por responsabilidade histórica, deben ser preservadas para que continúen na memoria das futuras xeracións humanas.
Aquí, no ámbito galego, entre outras actividades ao respecto da conmemoración, cabe subliñar a do Consello da Cultura Galega que aproveito para difundir con énfase unha publicación, accesíbel de balde na rede de internet dende fai meses, coa finalidade de que serva de “guía práctica do Foro Patrimonio e Sociedade”, un documento fundamental para a xestión do patrimonio no País, resultado de tres anos de traballo por parte dunha trintena de especialistas nesta materia.
Nas recomendacións que este grupo de expertos sinalan como necesidade, para mudar o rumbo do estado de alerta que se evidencia en relación ao estado mediano do noso patrimonio cultural, están diferentes ferramentas de xestión encamiñadas a máis grande eficacia nos obxectivos que, nun ámbito global, fixan organizacións internacionais do nivel da UNESCO, Consello de Europa ou ICOMOS. Por iso, indican que a primeira delas, e a máis necesaria, é a elaboración dun Plan Patrimonial de Galiza que conteña as liñas forza da xestión da administración galega. Engaden que dado o inxente patrimonio que hai no territorio galego, o Foro entende que a educación da cidadanía é clave, por iso fai explícito que ese Plan conteña un apartado específico de educación patrimonial. Con lóxica elemental, sen recursos económicos non se podería poñelo en marcha, polo tanto cumpre a súa dotación e previsión orzamentaria, coa debida achega para executalo.