O Concello de Catoira ofreceu unha recepción oficial ás e aos deportistas do club de piragüismo As Torres-Romaría Vikinga que durante este ano colleitaron grandes resultados nos Campionatos de Europa e do Mundo, tanto de pista como de maratón. O alcalde Xoán Castaño e o tenente de alcalde, Raúl Gómez, subliñaron a “tremenda satisfacción” polo rendemento acadado.
O rexedor animou ao grupo a seguir traballando arreo e cualificou ao grupo de “excelentes embaixadores de Catoira”, xa que coa consecución dos seus logros fálase máis da vila vikinga tanto dentro como fóra de Galicia. “É moi salientable que un club tan pequeno teña tan gran rendemento a nivel internacional traballando sempre duro e atendendo tamén á base, subliñou Castaño, “unen o nome de Catoira ao deporte e á excelencia”.
O grupo que participou na recepción estivo formado polos deportistas que traballan este ano no Centro de Tecnificación Deportiva en Pontevedra, os internacionais Raúl Fernández Busto e Jairo Zurita Mollinedo, así como Marta Castiñeiras Castro, Tomás Pérez Santiago e Gabriel Cascallar Busto, o integrante do equipo nacional Pedro Torrado Mollinedo, e os padexeiros internacionais de Maratón Fernando Busto, Diego Miguéns, Iván Alonso, Kevin Longo, Iker Rey e Samuel Ares.
Todos conseguiron situarse nos dez primeiros postos dos últimos campionatos de C2, C1 e K1 de Europa e do Mundo de pista e maratón nos que participaron nas súas diferentes categorías. Iván Alonso, Samuel Ares e Iker Rey tomarán parte este mes no Campionato do Mundo de maratón que terá lugar en Croacia.