Cris Oreiro: “Gañar lexitima máis para falar en alto e que te escoiten”

Exfutbolista e actual adestradora do Viajes Interrías FF
Cris Oreiro: “Gañar lexitima máis para falar en alto e que te escoiten”
Cris Oreiro é, posiblemente, a mellor adestradora galega na actualidade | Gonzalo Salgado

Logo dun mes de traballo, o Viajes InterRías FF que dirixe este ano Cris Oreiro (A Coruña, 1993) está deixando moi boas sensacións nos seus partidos de preparación.  A falta de tres semanas para o debut ligueiro en Segunda RFEF en San Pedro contra o Pradejón, que será o sábado 9 ás 12 horas, a adestradora fala do proceso que están a facer para implantar un novo modelo de xogo, parecido ao que levou a España a gañar o Mundial.

 

España é campioa do Mundo e xogando moi ben ao fútbol...
É un pouco como pasou en 2010, que tiñan o groso do Barcelona. Agora pasa o mesmo no feminino. O xogo é moi similar ao do Barça, que gañou a Champions. Volve a gañar España cun modelo de xogo de ataque e refrenda ese modelo polo que apostamos nós. Estou moi contenta polo fito que chegou, só era cuestión de tempo porque no fútbol base España xa gañara os Mundiais Sub 17 e Sub 20, polo que tiña que chegar a Absoluta a gañar. Á vez estou triste por todas as condicións que se teñen aínda que pedir e loitar.

 

Esas condicións chegarán agora logo deste éxito?
Creo que gañar sempre lexitima máis para falar en alto e que te escoiten. Cando gañas parece que hai máis poder para reivindicar. Espero que se melloren as cousas. Xa non poden dicir: cando gañes, falamos. Viuse que o fútbol feminino está a un gran nivel individual pero hai que mellorar aspectos externos para que as futbolistas non teñan que seguir coas súas demandas.

 

Xogou e adestrou no Deportivo, que o gran referente do fútbol feminino galego, a nivel de profesionalidade de clube nota diferencia co Viajes InterRías FF?
A verdade é que estou moi contenta con iso. Dende o verán estiven traballando con Enrique, que leva o tema de xestión do equipo, coa idea de tratar de mellorar os medios e que fora o máis profesional posible. Estou moi contenta con todo o que se ve e o que non se ve do traballo que fai a directiva. Están facilitando todo o que pedimos en canto a melloras. Cousas como poder permitirnos ir unha semana a Asturias de concentración e traballar fóra das nosas instalacións é algo moi positivo e non é moi común. O clube estanos ofrecendo todo o que pedimos e cada vez hai máis melloras. Temos un ximnasio propio e adestramos dous días en herba natural, xa que xogamos en natural.

 

Que valoración fai da pretempada ata agora?
Positiva porque enfrontámonos a diferentes escenarios que nos están a dar unha riqueza para a nosa idea de xogo.

 

Xoga con tres defensas e moitas centrocampistas...
É un 3-5-2, a idea é contar con ata seis xogadores por dentro contando a central-interior para que nos permita estar cerca do balón e poder mantelo o maior tempo posible. A idea é ter a unha soa xogadora por fóra que nos dea bastante amplitude e encontrala en situacións de vantaxe porque estivemos no carril central agrupando ao rival.

 

Para levar a cabo esta idea de xogo as futbolistas necesitan ter moita confianza co balón?
Sobre todo o que se necesita é o talento individual das futbolistas, o talento técnico, e que sexan capaces de interpretar o xogo. Iso tamén é o traballo dos adestradores, ser capaces de manter a confianza das xogadoras porque saen as cousas. Fixemos un plantel tratando de que técnicamente fose hábil para este estilo e agora tócanos a parte táctica da fase ofensiva, que non é fácil e só coa pretempada non chega para acumular todas as fases teóricas do sistema.

 

Que hai que mellorar aínda?
Sobre todo a lectura da distintas situacións do xogo, do que nos implica o rival. Por iso digo que a pretempada nos está a dar esa riqueza, xa que houbo rivais que nos apretaron e outros que nos deron o balón. Temos que aprender a ler os partidos, o que nos pide en cada momento e ser capaces de saber cando hai que manter a posesión e cando ser máis verticais.

 

Como están levando as xogadoras o traballo de preparación?
De momento sen lesións, nin musculares nin articulares. Están cansadas obviamente. O sábado no partido co Vilaverdense nótabase que nos falta chispa porque tivemos a dobre sesión o xoves.

 

O Viajes InterRías FF realizou este ano 12 fichaxes, pero aínda non están todas aquí. 
Non chegou Connie. Falta o visado por iso non está aquí. Agosto é un mes complicado para os trámites da administración.

Cris Oreiro: “Gañar lexitima máis para falar en alto e que te escoiten”

Te puede interesar