A regata do Sepelo inicia en Portonovo o sábado o circuíto da Copa Mörling

A regata do Sepelo inicia en Portonovo o sábado o circuíto da Copa Mörling
Os concelleiros de Deporte e Cultura de Sanxenxo presentaron onte a regata | da

Portonovo acolle o sábado a XIII Regata do Sepelo, o primeiro dos circuítos incluídos na Copa Mörling, o campionato galego de dornas a vela co que se rende homenaxe ao antropólogo e etnólogo sueco Staffan Mörling, un dos máis importantes estudosos do patrimonio marítimo de Galicia.


A Asociación de Amigos da Dorna de Portonovo é a encargada de organizar este evento. A concelleira de Cultura de Sanxenxo, Paz Lago, aproveitou a presentación da regata para destacar “a loita constante desta asociación para que Portonovo teña un lugar propio no mapa” nestas competicións que mesturan cultura e deporte. “Os Amigos da Dorna de Portonovo ensináronnos que tradición e mar van da man”, dixo nun acto no que tamén estivo o concelleiro de Deportes. “Sanxenxo é xa a día de hoxe un referente para os deportes de vela”, explicou Daniel Arosa.


Pola súa banda, Alejandro Piñeiro, vicepresidente da asociación organizadora, animou á cidadanía a participar, por mar ou por terra.


A Regata do Sepelo sairá desde o peirao de Portonovo ás 16 horas. As dornas farán un primeiro longo dirección á baliza situada nas proximidades de Punta Cabicastro, para continuar, navegación a través, ata a boia que estará colocada no medio da ría. Por último, as embarcacións terán que volver ao peirao. Este percorrido deberán facelo dúas veces navegando, aproximadamente, 6 millas. A organización estima que o número de dornas participantes se achegue ás 30.


A Copa Mörling está organizada por Culturmar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. O seu secretario, Daniel García Níñez, quixo agradecer a implicación nesta copa de todos os concellos nos que se levarán a cabo regatas (Sanxenxo, Cambados, Poio, O Grove e A Illa de Arousa), así como da Deputación de Pontevedra e da Consellería do Mar.


As persoas interesadas en participar nesta regata poderán inscribirse ata unha hora antes a través de dúas formas. O propio día da regata no stand que a organización habilitará no peirao de Portonovo ou a través desta ligazón.

A regata do Sepelo inicia en Portonovo o sábado o circuíto da Copa Mörling

Te puede interesar