Galicia destinará once millóns á nova edición de axudas ao alugueiro

Galicia destinará once millóns á nova edición de axudas ao alugueiro
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o delegado territorial da Xunta na cidade, e o director xeral do IGVS

A Xunta de Galicia prevé destinar este ano once millóns de euros a lanzar unha convocatoria plurianual das axudas ao alugueiro, un programa de apoio aos arrendatarios que se verá complementado tamén polo Bono de alugueiro social para colectivos vulnerables e polo novo Bono mozo para menores de 35 anos.


Así o subliñou onte na Coruña a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar cos que seguirá percorrendo varias comarcas galegas nas vindeiras semanas para dar a coñecer entre os potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán este 2022.


Acompañada polo delegado territorial da Xunta na cidade, Gonzalo Trenor, e ante uns 130 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos vinte concellos que integran a área coruñesa, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará a Consellería este ano e que permitirán poñer á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns para actuar no eido residencial.


Así, a responsable autonómica aproveitou a súa presenza na cidade herculina para animar aos asistentes a aproveitar estes fondos e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios.


En concreto, explicou que proximamente se publicará unha nova convocatoria plurianual das axudas ao alugueiro dotada previsiblemente de once millóns de euros, aínda que precisou que a contía exacta dependerá do convenio do Plan estatal de vivenda, pendente de sinatura.


Ademais, a conselleira lembrou que este ano tamén se reservan 3,3 millóns para renovar as subvencións outorgadas no marco das anteriores convocatorias deste programa, que prevé axudas de ata 250 euros ao mes durante un ano, prazo prorrogable.


De igual xeito, as persoas que teñan a condición de inquilinos en Galicia tamén poderán optar ao Bono de alugueiro social—cun orzamento de 860.000 euros que se vai ampliar— e ao Bono destinado ao alugamento de vivendas para vítimas de violencia de xénero, dous programas impulsados pola Xunta para axudar aos colectivos máis vulnerables.


Tamén destacou novo Bono de alugueiro mozo, dirixido a arrendatarios de menos de 35 anos, aínda que lamentou que “non acabe de arrancar” xa que as comunidades seguen á espera de que o Goberno aclare se permite a mobilidade dos beneficiarios entre autonomías, entre outros. 

Galicia destinará once millóns á nova edición de axudas ao alugueiro

Te puede interesar